Recoñezámolo: unha boa parte dos agasallos que se fai nestas datas vindeiras son inútiles, non desexados ou, como mínimo, frustrantes. O remedio a isto, aínda que pareza unha desconsideración, é sinalar nós mesmos co dedo aquilo polo que devecemos. Se non se fai así, corremos o risco de recibir un obxecto-trosma ben envolto (iso si) ou, xa que logo, un aparello dos moitos que se escolman na web Stupid.com e dos que dá conta hoxe El Navegante. A devandita web, o reverso máis escuro do que xa é de por si preocupante de abondo, o eido dos galanos de Nadal, recompila o que poderíamos considerar a expresión máxima da inutilidade en todas as súas variantes. Ou sexa, que do que falamos é de agasallos que non só son feos, senón que non serven para nada. Os obxectos rexistrados, que son só unha mostra dun panorama certamente amplo, o dos galanos surrealistas (moitos deles pseudo-gadgets) na Internet, abranguen todos os eidos operativos do maxín humano e algún que outro extraterrestre.
A web, posta en marcha por Gary Apple, non pode ser considerada en serio pero tampouco totalmente a brincadeira. De feito, segundo o seu creador, trátase dunha especie de homenaxe á capacidade de crear do ser humano, que é quen de ir tan lonxe na súa teima de facer algo orixinal que se sae pola tanxente para logo meterse de cheo no que algúns xa consideran artístico, de puro imposible.
A listaxe de dez horrores feita para este ano inclúe xoias como as que seguen:
· Wealth Redistribution 2008 Holiday Ornament. Un adobío para árbores de Nadal que advirte de que substitúe a un anterior que foi retirado para ir a mans de unha persoa necesitada. O problema é que se trata dun ornamento que, dando conta da xenerosidade do dono da casa, está a piques de invalidala. A fin de contas, o altruísmo só é altruísmo se ninguén o sabe.
· Mini Guitar Hero. Estamos ante unha versión reducido do xogo das consolas: só mide 15 centímetros de longo, pero é posible meterlle man a cancións de Queen ou Nirvana.
· Potty Putter. Trátase dun xogo de golf para empregar dende a taza do váter. Até inclúe o campo para que o habilitemos arredor do inodoro.
· Men”s Underwear Repair Kit. Aparello para facer remendos e reciclaxe de roupa usada. Só para homes.
· Obama Yes We Can Opener. Unha das estrelas da escolma. Trátase dun abridor de latas coas palabras “Yes, we Can”, que é o lema da campaña de Barack Obama para chegar á presidencia dos Estados Unidos.
Stupid.com lanza unha nova escolma de agasallos imposibles para o Nadal
Compartir Este Artigo

