O presidente do CLAG, Antón Reixa, asistiu onte, xoves 11 de decembro, ao II Foro Clústers Audiovisuais, celebrado no Palacio Euskalduna de Bilbao, xunto aos responsables de todos os clústers audiovisuais do Estado (Euskadi, Comunidade Valenciana, Madrid, Estremadura, Andalucía e Illas Baleares) para debater entorno ao seu papel como “impulsores da innovación no sector ante a actual crise” e identificar puntos de posible colaboración que propicien a creación dunha Rede de Clústers Audiovisuais.
No devandito encontro, os representantes dos clústers acordaron “consolidar un entorno de colaboración interclusters para xerar, por unha banda, unha interlocución con organismos institucionais estatais e internacionais e, doutra, desenvolver unha rede de traballo permanente”. Para isto, os alí reunidos acordaron crear unha secretaría técnica que coordine e elabore unha axenda institucional e potencie o desenvolvemento dunha rede para compartir información, coñecemento e axendas estratéxicas de innovación. Esta rede nacional de colaboración, articulada sobre unha plataforma na Rede, incorporará iniciativas innovadoras, proxectos e programas concretos para desenvolver en cooperación.
Asemade, deste foro tamén xurdiu o compromiso de estudar o desenvolvemento de proxectos concretos de colaboración aproveitando as diferentes liñas de financiamento existentes (Programa Avanza, Interreg..). Así, estudarase en concreto a viabilidade da creación dun comité técnico de normalización que abarque toda a cadea de valor da industria audiovisual e o desenvolvemento dunha rede audiovisual colaborativa.
Os responsables dos distintos clústers acordaron desenvolver proxectos en cooperación con asociacións europeas de semellantes características, a través dos distintos programas do ámbito comunitario, tendo en conta que 2009 será o ano europeo da Innovación e a Creación, o que abrirá novas oportunidades para as organizacións.
Puntos de interese
Entre os principais puntos de interese para a colaboración entre entidades empresariais, os participantes destacaron o desenvolvemento da competitividade e a innovación, a través da creación desta rede dixital de Clústers Audiovisuais, como unha infraestrutura experimental de innovación, que permitirá aproveitar sinerxías ao propiciar o intercambio de información e experiencias de éxito entre as asociacións de todo o Estado.
Outro aspecto importante para os Clústers é o desenvolvemento do capital humano principalmente da man da mellora da formación dos profesionais; o desenvolvemento de ferramentas adecuadas para lograr unha boa xestión empresarial e tamén o fomento da creatividade e os contidos orixinais, aproveitando a irrupción da Tv interactiva e as novas plataformas e tecnoloxías.
A internacionalización das empresas do audiovisual é outra área de interese común para os clústers que propuxeron novas vías de colaboración para a participación en mercados, festivais e feiras de ámbito internacional.
O Foro Interclusters, que xurdiu a iniciativa do CLAG o ano pasado, reunirase o vindeiro ano en Valencia.

