O intercambio libre de coñecemento a través de Internet é un hoxe en día un concepto suxeito a múltiples interpretacións. Para algúns, como por exemplo o Goberno central ou a SGAE, as canles abertas de libre transmisión de arquivos (P2P) son un xeito de pasarse por determinada parte do corpo as licenzas tradicionais que defenden os dereitos de autor. Para outros (unha boa parte dos usuarios da Internet en xeral), son unha maneira de tirar abaixo barreiras da comunicación. En definitiva, todo depende, unha vez máis, dos intereses postos en xogo. Disto, de oposición total de puntos de vista, é do que trata a polémica xerada os días pasados pola campaña lanzada polo Executivo para concienciar á sociedade de protexer os devanditos dereitos dos artistas e da industria.
A iniciativa, que se deu a coñecer co lema Se es legal, es legal, aínda está a xerar debate e se cadra algo máis, tal e como se pode comprobar hoxe coa convocatoria internauta para defender diante mesmo das portas da sede do PSOE o libre emprego das redes de intercambio de ficheiros e outros recursos en liña. A mobilización, que se levará a cabo o vindeiro 20 de decembro ás 20 horas, incluirá presenza humana e (tamén) tecnolóxica: está previsto que os participantes acudan con cadanseus computadores e, no medio e medio da rúa, procedan a unha descarga masiva e simultánea de ficheiros de música e audiovisual pola vía das redes P2P.
Polo de agora, segundo informan Barrapunto.com e outras comunidades web, xa hai varios activistas senlleiros entre as fileiras dos convocados a cruzar en público e de xeito notorio unha liña máis en lapas ca nunca: a liña do copyright. Polo que nos conta Elpais.es, a actividade non ten arela de lucro. Asemade, e co fin de que todo sexa legal (polo menos no senso dos permisos para manifestarse publicamente, xa que, polo de agora, en España aínda non é ilegal intercambiar ficheiros pola Internet), a acción xa foi notificada ao Ministerio de Cultura e máis á policía. O lema da campaña, que podemos ver detallada polo miúdo nesta web, fala por si só das intencións que latexan nela: Compartir é bo.
Convocado un intercambio colectivo de ficheiros nas portas da sede do PSOE
Compartir Este Artigo

