Os españois (que temos a sorte de ter acceso a Internet) xa pasamos máis tempo fozando na Rede cos nosos ordenadores que vendo a televisión polo que, de xeito oficial, este medio “xa foi desbancado por Internet como o medio ao que os internautas españois dedicamos máis tempo”.
Os datos extraídos do quinto estudo Mediascope da Asociación Europea de Publicidade Interactiva (EIIA) revelan que os internautas españois pasamos 12,1 horas á semana en Internet e que vemos a televisión unha media de 11,7 horas semanais, un tempo que supera á media dos europeos, que navegan 12 horas á semana.
O estudo tamén indica que “temos máis banda larga (un 86 por cento dispoñen deste tipo de conexión) que o resto dos internautas europeos” (80 por cento) máis a unha velocidade menor e a un custe moi superior a do resto dos países.
Segundo vén de afirmar o presidente da EIIA, Michael Kindl, “a diferenza de prezos da banda larga en España respecto do resto de Europa é abismal” algo que non está xustificado co servizo ofrecido en xeral.
Pese a esta esaxerada diferenza de prezos polo servizo de banda larga prestado no noso país, os españois achegámonos e incluso imos alén das tendencias europeas no consumo de Internet, un medio que vive “o seu momento álxido respecto dos demais medios de comunicación en España”.
Ao longo do día, revela o estudo, “Internet nunca chega a ser o medio máis empregado pero o seu consumo é máis heteroxéneo e constante”.
Estaremos cambiando os nosos costumes? A resposta (como en todo) varía duns internautas a outros, pero os datos “cantan” e en pouco tempo os internautas españois pasamos de empregar a Rede para mirar o correo e pouco máis, a interactuar con outra xente e incluso ver a televisión ao tempo que comentamos os detalles que imos vendo a través de Internet.
Os internautas españois xa pasan máis horas navegando que vendo a televisión
Compartir Este Artigo

