Apple, aínda que moitos usuarios dos seus produtos opinen e desexen o contrario (no eido informático é probable que non exista unha fidelidade a unha marca concreta que se poda comparar ao dos seareiros do Mac), non está a salvo das incidencias da vida mundana. En tal caso, e facendo unha semellanza co que representa un ser humano na sociedade actual, tamén ten a súa espada particular pendurada sobre a cabeza.
En definitiva: que da crise non se libra nin o que a argallou. Segundo informa estes días o xornal La Voz, as vendas de computadores Mac descenderon en Estados Unidos un 1% no mes de novembro con referencia ao acontecido no mesmo período do ano anterior. Amais, e percorrendo o camiño inverso, sinalar que os PCs acadaron un aquel de medre: unha taxa do 2%. Os motivos deste pequeno atranco para a casa Apple non son outros que a crise, que nuns eidos e nunhas marcas semella cebarse especialmente, aínda que a tendencia, como dixemos, é que de xeito directo ou non a todo o mundo lle caia unha cruz sobre os ombreiros.
A xuízo da empresa consultora NPD Group, a caída non ten por que significar nin moito menos o comezo do afundimento da empresa. De feito, noutros eidos do sector informático segue a amosar vitalidade abonda: a venda de portátiles medrou nun 22%. Porén, e malia este bo dato, a caída nas vendas de Mac de mesa fixo que finalmente se achegasen unha taxa de medre negativa.
Polo que respecta ao seu máis directo competidor, a casa Microsoft, dicir que tampouco está como para botar bombas. Sen chegar aos niveis de caída de Apple (un 35% en equipos fixos) as cifras da empresa responsable do sistema operativo Windows agraváronse nun 15% no que se refire a comercialización de ordenadores de mesa. A este respecto e sen saír dos computadores fixos, a media de agravamento entre unhas empresas e outras nos Estados Unidos situouse nunha taxa do 20%.
A crise tamén se deixa notar en Apple
Compartir Este Artigo

