A estas alturas e co que leva avanzado a Sociedade da Información (non moito, pero si abondo como para que unha boa parte dos usuarios saiban o que lles convén a nivel de servizos, recursos e demais), xa case ninguén dubida das vantaxes do software libre, nin sequera os seus detractores. Con todo, e se cadra a xeito de proba definitiva para os escépticos, o Goberno dun dos máis países do mundo que máis ten apostado por este tipo de informática, Brasil, vén de dar a coñecer as cifras do que se deixou de gastar dende as institucións públicas grazas á adopción nelas destes sistemas.
Os números, que foron achegados polo Serviço Federal de Processamento de Datos (Serpro) e que figuran estes días reflectidos na páxina web de Agnix, son os seguintes: nos últimos anos, e grazas ao uso de distribucións abertas GNU/Linux en órganos gobernamentais, aforráronse un total de 55 millóns de euros.
Máis polo miúdo e sen saírmonos desta cifra xenérica, deixáronse de gastar ata 11 millóns de euros só coa adopción de recursos libres de comunicación e de xestión do traballo interno.
Para o devandito servizo institucional brasileiro, o logro é aínda máis grande tendo en conta un factor primordial: a aposta polo software libre do país aínda está no seu comezo, en pleno proceso de instalación ao longo e ancho das moitas ramificacións que ten o Goberno. De feito, o labor non só está aberto senón suxeito a revisións: segundo sinala o dito departamento, desenvólvese arestora un novo análise sobre o uso do software libre a nivel administrativo que terá que estar finalizado con este ano que remata.
Segundo indica o Serpro, o sistema Linux é un dos programas que máis repercusión atopa entre a achega xeral de software libre no eido público, seguido de preto por recursos para a oficina como o BrOffice (ferramenta ofimática da que se ten falado polo miúdo os días pasados na nosa terra) ou sistemas de bases de datos como o Postgres.
Brasil acadou un aforro de 55 millóns de euros grazas ao software libre
Compartir Este Artigo

