A industria da música que está a apostar seriamente polas novas canles de distribución dixital vén de dar un novo informe sobre os seus logros. Para comezar: estes, como era previsible, non teñen nada que ver co que se está a acadar na sección do sector que mantén aínda activos os métodos tradicionais de comercialización: unha costa abaixo imparable en cuestión de vendas. A nova orde de cousas non fai máis que confirmar a necesidade de cambio de rumbo dunha industria que tentou manter vida á galiña dos ovos de ouro durante tempo de máis (aqueles CDs a 20 euros que aínda agora, con todo o que hai á nosa disposición, podemos ver nas tendas): a venda de música en liña superou xa os 1.000 millóns de descargas legais. Esta cifra, que non significa o trunfo do libre intercambio de cancións a través das redes P2P (falamos de canles autorizadas polas industrias e polas sociedades de xestión de dereitos), constitúe en cambio un sinal de certa evolución e dunha serie de vantaxes para os seareiros, que nalgúns casos (non en todos) poden aforrar uns cantos euros e contan (xeralmente) cun catálogo máis amplo á súa disposición. A isto hai que engadir outro factor: a accesibilidade e doado que é logo empregar esas cancións en diferentes reprodutores.
Pero hai máis. Segundo sinala a empresa Nielsen SoundScan, cando remate este ano que enfía a recta final, os consumidores de Estados Unidos terán no seu haber un total de 1.040 descargas en liña polo legal. De entre todos os ficheiros adquiridos, o máis solicitado foi o da solista británica Leona Lewis: o seu single Bleeding Love, que xa pasou en EE UU a barreira dos 3,3 millóns de copias comercializadas a través da Rede. O éxito desta cantante, na liña dos concursantes de Operación Trunfo e do empacho de adobíos e alardes vocais que semella lles son propios, confirma o que se agardaba en materia de contidos e calidades do novo trasfego musical en liña: que aínda que o formato e a canle de distribución mude, o fondo fica igual. Ou sexa, que o que máis se vende a través da Internet non difire en case nada dos supervendas de Nadal nas tendas. Se cadra é o intre de agardar unha escolma de Pimpinela no ranking en liña.
A música legal en liña suma e segue: máis de 1.000 millóns de descargas
Compartir Este Artigo

