Axudar aosdemais, sobre todo aos máis necesitados, é unha tarefa moi reconfortante que, lonxe de ser habitual, se está a converter en algo tan infrecuente que cando se fai, en seguida se converte en nova destacada nos medios de comunicación.
Desta volta é a Área de e-learning do CESGA, en colaboración coa Universidade da Coruña os que están a traballar conxuntamente na implementación dun programa de atención baixo os principios científicos de normalización, inclusión, calidade e desenvolvemento para mellorar a calidade de vida das familias e persoas que presentan algún tipo de diversidade funcional.
A Unidade Clínico Asistencial de Trastornos de Espectro Autista e Xerais do Desenvolvemento (UCATEA) da UDC mailo CESGA prestan así atención, de xeito virtual mediante un programa deseñado para tal efecto, ás persoas que, por diversos motivos, necesitan máis da axuda dos demais.
Logo de dous anos desenvolvendo os principios do programa a través dun entorno virtual, ámbalas dúas entidades están a por en marcha a experiencia nos domicilios do devandito colectivo. Este programa parte da adecuación ás demandas tomando como base, aseguran os seus responsables, “a consideración da familia como un instrumento educativo fundamental no desenvolvemento destas persoas”.
Unha vez realizada a primeira fase de adestramento e desenvolvemento do Programa de atención a través do entorno virtual deseñado polo CESGA, a UDC está a implementar o programa sobre criterios de calidade sustentados na atención á demanda e necesidades de cada caso procurando que a calidade de vida e educación supoñan a autodeterminación e vida independente e futura por parte destas persoas.
Na actualidade, ambos organismos están a crear, no entorno virtual, grupos de traballo integrados e liderados por familiares formados e especializados en educación familiar que participaron no programa anterior. Estas actividades permiten o aproveitamento das capacidades familiares de cada pai/nai para poñelas ao servizo das demais familias nun intercambio de experiencias positivas nas que os pais e nais perciben a compaña doutros na educación dos seus fillos e fillas.
Asemade, os integrantes dos devanditos grupos virtuais teñen a oportunidade de desenvolver moitas das súas demandas en conxunto coa intermediación de profesionais educativos e sociais, compartindo aprendizaxes e experiencias nun ámbito de formación continuada.
Este proxecto de atención familiar permite desenvolver as habilidades educativas da familia que redunden na aprendizaxe mais óptima dos fillos e fillas permitindo establecer o primeiro paso para a vida de todos e con todos que vai repercutir nas melloras das vidas das familias implicadas.
O CESGA maila UDC unen forzas para axudar ás persoas con diversidade funcional
Compartir Este Artigo

