O Diario Oficial de Galicia de hoxe vén de publicar a resolución dos premios a recursos educativos para a Sociedade da Información convocados pola Consellaría de Educación, que estaban destinados ao profesorado de centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos.
A orde do 15 de decembro de 2008 pola que se resolve a convocatoria ao devandito galardón indica que o gañador da modalidade A, de ferramentas de autor, é José Vicente Rodríguez, que resultou galardoado con seis mil euros polo seu traballo Imaxes interactivas.
Segundo indica esta disposición, o segundo e terceiro premios desta categoría foron declarados desertos.
Na modalidade B, de materiais curriculares web e encerados dixitais, resultaron vencedores os traballos Viaxe ás estrelas e Curso I.A.I, que recibiron 6.000 e 4.000 euros respectivamente. Os terceiros postos, dotados con 3.000 euros cada un, recaeron nos traballos, Recursos educativos para encerado dixital, Pintores que molan e O blog de tecnoloxía: cara a un modelo colaborativo.
Os premios para galerías de imaxes e vídeos didácticos, os correspondentes á modalidade C, foron para Guías varias: uso de vídeo na educación viaria, que recibiu os 3.000 euros que lle correspondían ao primeiro premio, Olladas sobre Ramón Piñeiro, galardoado con 2.000 euros e Obradoiro de tecnoloxía e Xesús María Álvarez Vázquez: un erudito completo, os traballos desta categoría que quedaron en terceiro lugar e que foron recompensados con mil euros cada un.
Por último, os gañadores da modalidade D, de aplicacións de software libre, recibiron 6.000, 4.000 e 3.000 euros polos traballos, Max web, unha interface web para o Programa Máxima, Bolsa de traballo no IES de Teis e Dynpres; primeiro, segundo e terceiro clasificado, respectivamente.
O DOG publica hoxe os gañadores do concurso de recursos educativos para a Sociedade da Información
Compartir Este Artigo

