A crise non perdoa nin ten miramentos. Hoxe a uns, mañá a outros. Os que máis estean ligados a estruturas de produción, xestión e distribución tradicionais son os que o teñen máis cru, pero nada hai que asegure que os outros, os que apostan máis decididamente polo coñecemento dixital e os novos recursos, vaian ficar indemnes. A casa Polaroid, unha empresa situada no punto exacto entre o mundo que se vai e o que chega, vén de constituír o que probablemente sexa unha nova caída no eido internacional da crise socioeconómica. Máis polo miúdo, e segundo informa Reuters, a empresa de lecer e electrónica vén de declarase en bancarrota. O obxectivo: deixar máis marxe para a súa reestruturación.
A crise da empresa, que significa algo máis que unha simple caída (con esta empresa índose a pique, pérdese unha maneira de entender a fotografía que marcou a xeracións: a que viña da man das súas xa míticas cámaras instantáneas), non foi debida á situación xenérica da economía mundial senón que veu por mor dun acontecemento ben concreto: a caída de Petters Group Worldwide, propietaria da compañía dende 2005.
A empresa Polaroid, que a diferenza de outras como Canon non soubo ou non puído afacerse ben aos tempos da fotografía dixital e dos recursos en liña, sinalou nun comunicado a raíz exacta do problema: “O fundador de Petters está baixo investigación por supostos actos de fraude que comprometeron o estado financeiro de Polaroid e de outras entidades propiedade de Petters Group”. En base a isto, engade a compañía co fin de deixar claro o seu papel na polémica, “Polaroid e o seu equipo directivo non estarán suxeitos á actual investigación relacionada con Petters Group”.
Polaroid declárase en bancarrota
Compartir Este Artigo

