Por esta época do ano, todo na Web é susceptible de reconto: ata o lixo. Porén, remexer na parte máis escura de Internet non constitúe sempre, en contra do que se pode pensar, un novo tipo de perda de tempo e de esforzos. A din de contas, tanto para o dixital como para a vida física, non sempre o que se ve e se coñece a simple vista é o máis interesante. Na trastenda da Rede, ou mellor dito na parte da Rede que fica alén do límite do controlable, os seareiros do alleo semellan suxeitos a procesos continuos de clonación: medran cada ano a medida que se incrementan (casualmente) os efectos de crise. Segundo vén de sinalar Trend Micro a través dunha nova investigación sobre o xeito de actuar dos cibercriminais, semella que se está a cumprir todo o malo que se estaba a agardar: os atacantes e os ataques, lonxe diminuír, increméntanse. Neste intre e con respecto ás cifras do ano pasado, pódese dicir que as incursións deste tipo concreto de internautas onde non lles requiriu ninguén incrementáronse ata nun 500%. Tendo en conta isto, calquera gráfica que fagamos sobre as súas tendencias de medre e eficacia dará como resultado unha costa arriba con máis ou menos descansos (poucos).
Para Trend Micro, un dos eidos máis preocupantes é o mercado negro en liña que se afianza na Rede a pasos axigantados e grazas a un combustible ben definido: o roubo de información e cartos. A nivel máis concreto, o abano de posibilidades é amplo: vai dende deseñar e enviar de xeito masivo un troiano a través dunha xanela emerxente a roubar datos e información mediante correos electrónicos enganosos (de suplantación de identidades, sobre todo).
A cousa non remata aí: nos últimos tempos téñense constatado múltiples feituras para o mercado negro que abrolla, un escenario de compravenda onde non se ven obxectos físicos senón datos bancarios, contas de correo ou perfiles en redes sociais como Facebook (Trend Micro dá conta de perfiles á venda por un valor de 1,11 euros). A finalidade de todo isto é tan vella como o ser humano. Ou mellor dito: tan vella como o intre en que un ser humano amosou a posesión de algo polo que devecían outros. O caso é que para Trend Micro e para as empresas en xeral de seguridade en liña segue a ser importante que teñamos máis que nunca en conta o seguinte consello web: deixar na Internet os nosos datos persoais só cando sexa cen por seguro deixalos. O consello, que en si mesmo é unha obviedade, é válido para calquera operación que fagamos, ata para as nosas sesións en redes sociais de uso máis ou menos estendido. Por exemplo: nas sesións en Fabebook ou MySpace, onde cada día son máis comúns os roubos de identidade. Para Trend Micro, é importante que cambiemos cada pouco tempo de datos nestes recursos en liña, manter configuracións privadas ou asegurarnos de que na web que visitemos hai símbolos que garantan a seguridade.
Increméntanse nun 500% os roubos en liña de información e cartos
Compartir Este Artigo

