Dende Estados Unidos e vía Bandaancha.eu e Chuza! chega estes días unha nova que, sen ser definitiva nin moito menos para a fin do debate acerca da legalidade do tráfico libre de arquivos na Rede, si que semella achegar certa vantaxe para os partidarios deste intercambio sen atrancos. A información, que provén dun caso ben concreto (o caso da cidadá norteamericana Jammie Thomas, do que falamos arreo nesta mesma páxina web e no que se obrigaba á devandita usuaria das redes abertas a pagar 220.000 dólares por compartir dúas ducias de cancións na Rede), ten feitura de síntese dun conflito a nivel mundial.
En definitiva, que Jammie Thomas gañe ou non caso semella de importancia vital para uns e outros. Como dixemos, neste intre son os defensores das redes abertas os que semellan estar obtendo distancia extra. O novo xuíz do caso dálles a razón, logo de que a propia Jammie Thomas apelara a devandita decisión e a devandita multa: opina que pendurar unha canción nun directorio público, sen arela de lucro, non pode ser chamado delito.
Jammie Thomas, que foi acusada polas seis principais empresas discográficas que operan en Estados Unidos, está neste intre libre de cargos: para o tribunal que a vén xulgando, o xurado foi informado de xeito erróneo sobre a natureza da tecnoloxía e das características das redes P2P, non vendo finalmente delito algún no feito de compartir cancións a través destas ferramentas.
Para Bandaancha.eu, a decisión xudicial é un feito sen precedentes na historia da Rede, e máis concretamente na historia do intercambio de ficheiros na Rede, un eido ata o de agora supervisado con man de ferro polo ente RIAA, a sociedade de defensa e xestión dos dereitos de autores en Estados Unidos e que ten no seu historial máis de 30.000 procedementos xudiciais por este tipo de prácticas ao longo dos últimos cinco anos.
A Xustiza non ve delito no caso de Jammie Thomas, sancionada por compartir 24 cancións
Compartir Este Artigo

