FACUA, a organización non gobernamental de Consumidores en Acción, vén de gañar a denuncia que lle puxera o pasado ano á tenda de produtos electrónicos en liña Óptize por “incumprir a oferta e o contrato de compra dunha cámara dixital Canon por 15 euros que vendía a través da súa web”.
Este establecemento en liña foi multada con 9.200 euros pola Dirección Xeral de Consumo da Comunidade de Madrid, onde a empresa ten a súa sede social, por negarse a entregar o produto argumentando un “erro tipográfico no seu prezo”.
A asociación aportou documentación que acreditaba que unha consumidora, socia de FACUA en Ávila, realizara o pedido dunha cámara dixital Canon (modelo IXUS i7 Zoom) por valor de 15,30 euros que foi confirmado por correo electrónico e posteriormente pagado pola clienta satisfactoriamente.
Cinco días despois de ter solicitado a cámara, a usuaria, segundo afirman os responsables de FACUA, recibiu un novo correo no que lle indicaban que a súa compra estaba cancelada porque o prezo tiña un “erro tipográfico”, dándolle a opción de recuperar o seu diñeiro ou realizar outra adquisición.
A organización de consumidores considerou que, legalmente, a empresa estaba na obriga de asumir o cumprimento de tódolos contratos de compravenda que se tivesen producido durante o período no que anunciou o produto polo que decidiu denunciar a Óptize ante os organismos responsables.
Na súa resposta, a Dirección Xeral de Consumo da Comunidade de Madrid indica que, “o expediente incoado contra Óptize Bureau Info, SA, a resultas das actuacións practicadas trala denuncia formulada por FACUA, foi resolto coa imposición de sanción pecuniaria por importe de 9.200 euros”.
En resumidas contas, a que parecía ser a cámara dixital máis barata da historia da fotografía resultou ser un dos modelos máis caros xamais vendidos por Internet, que a Óptize lle saíu por algo máis de millón e medio das antigas pesetas.
Multa de 9.200 euros á tenda en liña Óptize por incumprir un contrato
Compartir Este Artigo

