Se para un alumno vivir a cabalo entre dous mundos (o real e o dixital) é xa practicamente imprescindible, case é de meirande obriga para os docentes, que son, por así dicilo, os webmasters do eido educativo. Dito doutra maneira: tendo en conta que o coñecemento se mide cada vez menos en libros e ficheiros e máis en bases de datos, semella que hai poucas opcións de evitar a creación dun novo tipo de axente educativo: o profesor-webmaster. Precisamente para ir subindo chanzos na súa consecución, o programa de formación para o corpo docente que impulsa a Vicerreitoría de Innovación Educativa da Universidade de Vigo desenvolve o Curso avanzado de creación de sitios web. A actividade, quen ten aberto o prazo de inscrición (pecha o día 23 ás 12 horas), vai encamiñada ao profesorado que precisa ampliar o coñecemento adquirido a través dos cursos de iniciación. Ou sexa: que vai dirixido a sentar o alicerce dun coñecemento especializado en materia de tratamento de bases de datos e posta en marcha de sitios web que vaian alén da simple exposición de coñecemento.
A web da Universidade de Vigo ofrece estes días información de primeira man sobre o curso en cuestión achegada por un dos seus responsables, José Luis Martínez Orge: “Non é programación pura e dura, pero si un pouco máis avanzada có nivel básico”. Asemade, a actividade abrangue “a configuración dun equipo como servidor web, o emprego de MySQL como servidor de bases de datos ou a administración do sitio con PHP”.
Segundo engade a Universidade no seu espazo, explicaranse no curso as características fundamentais dos sitios web dinámicos, como instalar os seus propios formularios para o envío e amoreamento de datos, deseño de zonas de acceso restrinxido, creación de xogos de páxinas mestres para sitios de comercio electrónico ou o uso de CSS para o deseño das páxinas. Por certo que o Dreamweaver 8 foi a ferramenta empregada nas edicións máis básicas do curso e retomarase agora para o seu desenvolvemento.
Matrícula en liña
O curso, de 20 horas de duración, celebrarase os días 26, 27, 28, 29 de xaneiro e 2, 3, 4, 10, 11 e 12 de febreiro de 10.00 a 12.00 h e ofértanse 20 prazas que se irán cubrindo por rigorosa orde de preinscrición. Os interesados poderán realizar a matrícula ou consultar o programa na plataforma Bubela. Entregarase un certificado de asistencia expedido pola Universidade aos que completen, cando menos, oito sesións presenciais completas das dez que compoñen o curso.
Os campus de Vigo axudan ao profesorado a coller as rendas da Internet
Compartir Este Artigo

