Que un filme galego se sitúe entre os DVDs máis vendidos na pasada campaña de Nadal dentro da nosa xeografía semella a mellor maneira de abrir un ano fílmico no que están depositadas –máis que nunca- moitas esperanzas: tanto dos creadores como dos propios espectadores. E non é para menos: segundo informa estes días Vieiros, Pradolongo, o filme de Ignacio Vilar rodado en Valdeorras, prosegue arestora a súa carreira de éxitos situándose como o terceiro máis vendido en El Corte Inglés de Vigo, consolidándose a maiores como a única película europea que se abre un oco entre o top 10 de vendas. A boa marcha da película, que ten aínda máis mérito se ollamos os orzamentos dos filmes cos que compite (algúns deles ben poden ter un presuposto 50 veces máis grande), non é de hoxe nin de hai uns días, senón que comezou no intre da súa estrea nas pantallas grandes: o pasado 14 de marzo en Valdeorras, con cheo de público en todos os pases. Meses máis tarde veu a edición en DVD e Blu-ray, da que falamos polo miúdo nesta mesma web, engadindo que se trataba da primeira peza audiovisual galega distribuída no segundo dos formatos (alta definición).
Á edición do filme para o gran público, que veu da man de Vía Láctea Films e á súa boa marcha nos establecementos de venda (feito propiciado polo principal combustible de calquera éxito cinematográfico: o efecto boca a boca), hai que engadir a posta en funcionamento na Rede dunha web directamente vinculada ao fenómeno de Pradolongo, onde centos de internautas compartiron experiencias sobre os actores, o argumento e os escenarios da película. Por certo que a páxina serviu tamén como plataforma para o concurso Merenda Pradolongo, un certame que incluíu unha viaxe aos lugares da rodaxe en compañía dos actores principais.
Amais de todo isto, cómpre lembrar que a banda sonora da película (composta por Zeltia Montes, natural do Saviñao) é candidata pola súa contribución artística aos Premios BSO, que recoñecen as mellores achegas musicais para as películas feitas en España. Sinalar que os galardóns veñen da man da web mundobso e dos seus usuarios (de feito, elíxense aos gañadores por votación popular).
Éxito de vendas no Nadal para o DVD do filme galego Pradolongo
Compartir Este Artigo

