A economía mundial está estes días inzada de agoiros cumpridos: o parón produtivo que afecta a todos os países e sectores (mesmo ao sector TIC, un dos últimos en verse afectados) constitúe en boa medida o cumprimento das malas previsións xa albiscadas mesmo antes da chegada da crise. Dito doutro xeito: a recesión dificilmente supón un fracaso empresarial repentino. Neste senso, o desplome de Intel é probablemente un capítulos máis entre unha longa serie de capítulos previos sobre desplome, e a caída dos seus beneficios (un descenso do 90% nos seus ingresos netos ao longo do cuarto trimestre de 2008) é en boa medida o ruído natural de algo que toca chan pero que xa se puído ver caendo mesmo cando todo indicaba (medre, beneficios, etc) que non caía. Toda esta enleada vén a conto con dous obxectivos: para quitarlle ferro ao compoñente aparentemente repentino desta caída continua de xigantes no sector das TIC (Nortel, en certa medida tamén Google, e agora Intel, entre outros) e para recoñecer que a aparente boa marcha do tecido empresarial das telecomunicacións nos últimos anos tiña un aquel de espellismo.
O caso de Intel, líder no mundo en semicondutores, é igualmente paradigmático. Os seus números confirman polo tanto o que se sospeitaba pero non se dicía a viva voz: que o sector das novas tecnoloxías da información non vai ficar libre dos efectos da crise.
Para facérmonos unha idea e segundo vén de informar a empresa, o seu beneficio neto anual foi de 5.292 millóns de dólares (preto de 4.000 millóns de euros), que distan moito dos 6.976 millóns que conseguiu recadar en 2007. Ademais, a empresa fabricante de microchips deu a coñecer unha diminución dos seus ingresos totais nun 2% con respecto ao ano anterior, situándose en 2008 nos 37.586 millóns de dólares.
Por outra banda, sinalar que a compañía baixou en máis de 600 millóns de euros os custes do ano pasado, polo que a redución de gastos acadada dende o comezo do seu plan de reorganización (que comezou en 2006) sitúase arestora nos 2.271 millóns.
Intel anuncia unha caída do 90% nos beneficios do último trimestre
Compartir Este Artigo

