Agora que os comicios autonómicos xa se albiscan ao lonxe e a actividade vinculada a eles increméntase con feitura –sobre todo- de promesas, proxectos e demais, a Rede galega tamén comeza a tomar posicións: ben facéndose eco de todo o que os políticos contan, ben sexa cubríndose as orellas para non escoitar ren, ben sexa adoptando un punto de vista construtivo-participativo: o do debate aberto xurdido dende unha das faces do espírito crítico, a imparcialidade. É neste última liña onde se sitúa Adebate.net, un espazo web do que xa temos falado nesta páxina web e que estes días está a ser máis que nunca unha lanzadeira de propostas cunha dirección ben definida: as propostas que as galegas e os galegos están en disposición de facer chegar aos representantes políticos que concorren nas vindeiras eleccións. Para os responsables da posta en marcha da dita web, é importante que se tire o máximo proveito dunhas ferramentas, as dixitais, que non só permiten unha actividade máis fonda na vida pública, senón que tamén favorecen a comunicación e o contacto directo entre os elixibles e os que elixen.
Adebate.net, din os seus creadores, ten potencial de abondo como para situarse nesta liña: na liña de achegar cidadanía dixital. “O noso obxectivo”, engaden, “resúmese en recoller propostas para que os candidatos ou candidatas as asuman no seu programa, fomentando un debate arredor delas en canto á súa aceptación e matización”.
Ao seu xuízo, a inclusión de preguntas que logo obteñan resposta achegan fondura e perfil ideolóxico e político a unha figura que as máis das veces fica en simple contorna: a do/a candidato/a.
A achega de Adebate.net, que require para o seu uso un sinxelo proceso de inscrición (estando logo o internauta en disposición de enviar as súas preguntas, do mesmo xeito que se participase nun proceso de entrevista colectiva e plural), baséase en tres vantaxes sobre o modelo tradicional de mesa redonda: tira proveito a accesibilidade de emprego que subministra a Rede, apóiase nun modelo de acción colectiva onde collen múltiples puntos de vista e está aberta para actualizacións as 24 horas. A páxina web, que aínda está hoxe en desenvolvemento, conta xa co compromiso de máis de cen internautas.
Adebate.net anima a participar dixitalmente nos vindeiros comicios autonómicos
Compartir Este Artigo

