Un ano máis, a páxina web www.escueladeescritores.com vén de convocar unha nova edición do seu concurso Antonio Villalba de Cartas de amor, un dos máis populares entre os seus usuarios de fala hispana. Este ano, o certame vai xa pola oitava edición e nesta ocasión os gañadores levarán un premio de 500 euros e un “lote romántico para amar en tempos de crise”. Coma noutras edicións, os participantes deberán cumprir os requisitos que xa veñen sendo habituais neste concurso: “dicir algo novo, orixinal e verdadeiro sobre o amor sen ser nin cursi, nin tópico, nin frío”, tal e como esixen as bases do concurso.
Como dixemos, este certame é un dos máis populares entre os internautas de fala hispana e na edición do pasado ano xa recibiu un total de 1.185 textos, un récord entre os concursos deste xénero que se celebran na Rede con motivo de San Valentín.
O prazo de participación manterase aberto ata o vindeiro día 31 de xaneiro na web da escola e poderá participar calquera interesado cun texto que non vaia alén das 1.500 palabras.
O gañador do “lote romántico”, composto por unha tenda de campaña, velas de baixo consumo, lencería reversible, sidra El Gaitero, copas de plástico, sucedáneo de caviar, unha vista de París e o LP Cando a pobreza entra pola porta o amor sae pola fiestra, darase a coñecer o vindeiro xoves día 14 de febreiro, día consumista onde os haxa, tamén coñecido como San Valentín, nun acto onde o vencedor tamén será obsequiado con 500 euros.
Amar en tempos de crise… ten premio na Rede
Compartir Este Artigo

