Nin tanto nin tan pouco. A frase universal que vale para poñer no seu sitio a todo aquilo que sube ou baixa sen pararse en termos medios e moderados tamén vale para as novas tecnoloxías da información e as súas marcas, e máis concretamente para Google: onte valorada a nivel mundial como unha das empresas máis desexadas para traballar e hoxe cuestionada polos seus ex empregados. Segundo sinala Elpais.es facéndose eco de datos achegados polo xornal The Times, o devandito buscador da Internet segue a manter o privilexio de ser a ferramenta máis requirida polos internautas á hora de facer unha procura, pero desenvolvendo o seu labor a certa distancia do atractivo que amosaba ata hai pouco en materia de condicións laborais, espírito empresarial (novo, aberto, alentador) e respecto no ámbito da Sociedade do Coñecemento. Este proceso concreto de baixada ao mundo está a ser coma na meirande porcentaxe dos casos: por chanzos. O último dunha serie de escalóns descendidos foi o anuncio do despedimento de 100 empregados e do resituamento de varios enxeñeiros.
A nova, que provocou un efecto fulminante entre os usuarios da Rede (afeitos como estaban a crer que da sede de Google non podía saír nada máis sórdido que un camión cunha roda picada), tamén tivo consecuencias dentro do propio equipo da multinacional: unha vaga de protestas e marchas voluntarias que –igualmente- tiveron o seu reflexo no trasfego de comunicación en liña. O resultado foi o menos apetecible para a área que vela na propia empresa a prol dunha imaxe de unidade e benestar: ao final provocáronse filtracións desas queixas.
Segundo sinala The Times, nestes e-mails non só figuran palabras de enfado e alporizamento contra a compañía, senón contra o que se consideraba máis ou menos un exemplo a seguir a nivel mundial: as súas condicións laborais. Estes correos filtrados, procedentes de ex traballadores que abandonaron a firma de xeito voluntario, dan información clara do porqué da súa marcha: horarios longos de máis, soldos baixos, escasas vantaxes sociais e a impresión xeneralizada e constante (e nada tranquilizadora) de que en calquera intre poden atopar unha orde de despido. O curioso é que os correos electrónicos dos ex traballadores foron en boa medida enviados a instancias de Google (interesada nos seus motivos á hora de tomar a decisión de marchar).
Ex traballadores de Google arremeten contra as condicións laborais da firma
Compartir Este Artigo

