A serie de maior éxito que emitiu Televisión Española nos últimos anos (e quizais en tódolos tempos), Cuéntame como pasó, vai volver a facer as ledicias dos máis melancólicos do país (sobre todo dos que botan de menos o La,la,la de Massiel), ao emitirse de novo dende o comezo no portal web da compañía.
A serie reestrearase hoxe e será emitida de luns a venres, a razón de un capítulo por día, exclusivamente para os internautas máis aditos ás vivencias dos Alcántara.
Trátase dunha firme aposta de Televisión Española polas novas tecnoloxías, sabedora de que Internet lle está a roubar, paseniñamente, espazo á “ata o de agora intocable” televisión.
Ademais de reemitir a primeira tempada (que se estreaba nas nosas pantallas alá polo ano 2001), a web de RTVE tamén vén de por en marcha unha iniciativa que convida aos internautas a compartir os seus recordos do “Universo Cuéntame” a través da Rede.
Para participar, os seguidores da serie tan só terán que enviar as súas fotografías cos obxectos, escenarios e indumentaria da época á dirección: cuentame@rtve.es
Entre as imaxes recibidas, un xurado (composto por membros de Ganga Producción e RTVE.es) fará unha selección inicial da que sairá un grupo de afortunados que poderán asistir a unha xornada da rodaxe da undécima tempada da serie.
A web de RTVE reestrea a primeira tempada de Cuéntame
Compartir Este Artigo

