
Para levar a cabo o achegamento da poboación ás novas tecnoloxías dixitais, a Consellaría de Innovación instalou en 2008 un total de 19 aulas, das cales seis son centros propios, totalmente equipados con computadores que usan un sistema operativo libre e en galego, impresora en branco e negro e outra a cor, escáner, canon proxector, cámaras web, lectores de DNI dixital etc.
Sobre os datos xerais da Rede de Dinamización en toda Galiza presentados no seu informe-reconto, cómpre salientar que desde que a Rede iniciou o seu traballo decidido a prol da implantación en Galiza da Sociedade da Información, o número de usuarios/as da mesma non fixo máis que medrar. Por usuario/a enténdese a persoa que empresa os servizos ou as instalacións dun centro da Rede, tanto acudindo as actividades formativas como facendo uso libre do equipamento. No que se refire ás veciñas e veciños rexistrados, dicir que se a finais do pasado ano o seu número se situaba nos 4.150, hoxe anda a rentes dos 20.000.
Neste senso, os responsables da Rede inciden no que constitúe sen necesidade de afondar moito nos datos unha liña ascendente de participación cidadá. Dito doutro xeito: no último ano, a cifra de rexistradas e rexistrados cuadruplica á do primeiro ano de actividade. En total, a cantidade de ocasións que os veciños e veciñas fixeron uso destes equipamentos ao longo de 2008 chega ata 144.156. No que atinxe ao sexo e ás idades das persoas inscritas, dicir que a Internet no rural, polos motivos que sexan, semella interesar máis ás mulleres: un 61% fronte a un 31% de homes. Se temos en conta as idades, a porcentaxe máis alta de usuarios sitúase entre a franxa que vai dos 35 aos 44 anos, e por debaixo dos 16. Para os responsables da posta en marcha da Rede de Dinamización, este é un dato de especial importancia, tendo en conta os atrancos tirados abaixo no sentido de acadar a partipación interxeracional: nenas, nenos e maiores todos eles reunidos baixo un mesmo tempo e compartindo unha mesma arela, a de vivir na Internet.
Datos sobre as características das/os usuarios
Para a Dirección Xeral de Promoción Industrial da Consellería de Innovación, responsable da Rede de Dinamización, esta cumpriu ao longo dos seus dous anos de actividade un importante labor formativo e de desenvolvemento personal da cidadanía participante. Dito para que se entenda: da porcentaxe total de usuarias e usuarios do equipamento despregado, un 54% teñen estudos a nivel de Graduado Escolar ou inferior. Asemade, das case 20.000 persoas que a día de hoxe empregan a infraestrutura, máis de unha cuarta parte atópase en situación de desemprego, sendo autónomas/os un 7%. Para os responsables da Rede, este dato é especialmente salientable, posto que (din) reflicte que se está a acadar un dos grandes obxectivos da inicitiva: chegar coas canles dixitais aos autónomos e co fin de facilitar na medida do posible o seu traballo e a produtividade das súas actividades empresariais e comerciais. Polo que respecta ás/aos estudantes, dicir que representan o 27% do total das/os inscritas/os, abranguendo o colectivo de traballadores/as por conta alleo un 21% do total. Os xubilados, pola súa conta, sitúanse arestora nunha taxa do 15%.
Achega a veciñas e veciños sen coñecemento dixital
A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, segundo se fai saber no estudo-reconto co que abre o seu terceiro ano de vida, está a centrar unha parte dos seus servizos sobre onde máis son precisos. Dito doutra maneira: a Rede obtén a súa razón de ser na súa tarefa dinamizadora do dixital, e dificilmente se acadarían estes obxectivos alí onde a oferta da mesma é cumprida de abondo. Este compromiso de levar díxitos onde non os hai refríctese en datos como o que segue: o 44% das persoas que fixeron uso dos recursos da Rede ao longo deste tempo non tiña coñecemento informático algún, mentres que outro 32% contaba só con coñecementos básicos. Asemade, e ligando co anterior, o estudo sobre a actividade da infraestrutura tamén achega información sobre as posibilidades previas de acceso ás canles dixitais das/os usuarias/os. Neste senso, sinala a Dirección Xeral, a Rede actuou en boa medida como un achegador primeiro da Internet. De feito, un 31% das/os participantes non dispuña de computador no eido do fogar, situándose nun 62% as persoas que non teñen conexión á Internet na súa vivenda. Para os responsables da Rede de Dinamización, esta cumpre unha vez máis o seus obxectivos primordias: posibilitar a vida persoal e laboral na Internet de todas e todos aqueles que non tiñan ao alcance da man esta opción.
Un pouco de luz sobre o software libre
Se nun terreo xenérico, a Rede de Dinamización achega luz sobre as vantaxes e usos formativos e empresariais que achega a Sociedade do Coñecemento, a un nivel máis específico a iniciativa inclínase de maneira decididad pola face máis libre, aberta e universal desa Sociedade do Coñecemento. Ou sexa, que un dos seus obxectivos foi e será incidir no significado e nos beneficios da programación aberta. Neste senso, é importante saber que unha boa parte dos participantes no seu programa de actividades non tiña coñecemento algún sobre software libre: só un 15% dos asistentes amosou contar con algún tipo de información. Pola contra, o 58% das/os usuarios nunca escoitaran falar antes desta proposta informática, un eido de actividade programadora e divulgativa que libera a quen fai emprego dela das licenzas tradicionais por adquisición e que permite adaptala ás necesidades propias. Segundo informa a Consellería de Innovación a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial, a Rede está a servir en boa medida para as veciñas e os veciños se familiaricen co software libre, tanto nos empregos particulares que fan das instalacións como a través da formación impartida, “pois cómpre salientar que unha parte importante da alfabetización dixital que a Rede está a levar a cabo faise sobre código aberto”, sinálase no informe.

