Unir cultura e redes é doado, o difícil é integrar unha cousa coa outra ata que non se saiba onde comezan e onde rematan. Para o Consello da Cultura Galega, esta proposta de establecemento de ligazóns aínda obtén máis elementos interesantes se lle engadimos un terceiro ingrediente: o turismo e a actividade sendeirista apoiados nos máis modernos recursos dixitais (xeolocalización, multimedia, participación, etc). Disto trata precisamente a iniciativa Roteiros da cultura galega, unha plataforma web (vinculada a elementos fixos) que, de xeito paradoxal, ten a súa razón de ser nun convite colectivo a camiñar. A proposta, desenvolvida polo CCG e a Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, estréase na Internet con tres itinerarios vinculados aos grandes autores do Rexurdimento: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. Tal e como se pode ver xa no espazo en liña habilitado, os recursos postos en xogo para as rutas son variados pero complementarios: Google Maps para a representación de cada unha delas, software libre, textos informativos, audio, vídeo, fotografías de calidade e coordenadas GPS.
Segundo sinala o Consello da Cultura Galega, os roteiros incorporan facilidades de emprego: podemos consultalos ou imprimilos segundo as nosas necesidades específicas, ficando a achega actualmente dispoñible a constantes engadidos vindeiros.
Para os responsables da proposta, os destinatarios da mesma son principalmente as galegas e galegos que queiran afondar no coñecemento do seu contorno tirando proveito das máis avanzadas tecnoloxías. Asemade, preténdese poñer en xogo un importante foco de información e recursos para o profesorado galego, servindo de alicerce para excursións turístico-culturais pola nosa terra.
Amais disto, Roteiros tamén naceu cunha vontade de desenvolvemento local: dáse marxe abonda para que tiren proveito da iniciativa entidades de todo tipo, dende asociacións de veciños ata fundacións, entidades comarcais ou mesmo concellos. Con este compromiso, concibiuse Roteiros como unha plataforma aberta e flexible, suxeita a integracións noutros sitios web co gallo de impulsar o turismo de proximidade e o coñecemento do patrimonio local.
O CCG e Innovación presentan a web dos Roteiros da cultura galega
Compartir Este Artigo

