A Fundación ONCE vén de presentar o proxecto pioneiro GuiaDis, unha guía en liña de axudas á discapacidade que, en colaboración con Obra Social Caja Madrid, pretende ser unha ferramenta para que cada persoa con diversidade funcional poida converterse en “autodefensor dos seus propios dereitos”.
Así a vén de describir o vicepresidente primeiro executivo da Fundación ONCE, Alberto Durán, quen ademais sinalou que GuíaDis é unha “ferramenta viva” cuxo especial valor reside en que pode ser actualizada e perfeccionada no futuro. Para facer posible isto último, a Fundación anima ao movemento asociativo a participar na mellora continua desta aplicación e pide asemade a súa axuda para integrar aos colectivos de persoas en risco de exclusión social.
Ao acto de presentación, que tivo lugar en Madrid, tamén asistiu o secretario de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, Francisco Ros, quen destacou que as novas tecnoloxías “están a penetrar paseniño en tódolos ámbitos da sociedade”.
Como non podía ser doutra maneira, a presentación desta guía en liña tamén contou coa presenza da directora da área asistencial da Obra Social Caja Madrid, María Fernanda Ayán, quen dixo que a igualdade de oportunidades, a accesibilidade e a defensa dos dereitos de aqueles colectivos máis vulnerables, “son o obxecto social da Caja”; GuiaDis, continuou, “cumpre á perfección con esta filosofía”.
Á presenza de Francisco Ros e de Mª Fernanda Ayán, entre outras personalidades do sector, hai que engadir a do responsable de GuiaDis de Technosite, Luis Miguel Bascones, quen se encargou de facer unha demostración práctica da guía perante a atenta mirada dos asistentes.
Esta é a primeira publicación destas características que se realiza en España e nela ofrécese, asemade, unha panorámica do marco legal, internacional e nacional, que protexe os dereitos desta parte da cidadanía.
Manexo doado
A guía da Fundación Once ofrece, ademais dos elementos xa descritos, unha base de datos, actualizada accesible e de fácil manexo que contén as axudas públicas que existen na actualidade para as persoas con discapacidade e as súas familias.
Asemade, bríndalle ao usuario a posibilidade de escoller o tipo de busca que mellor se adapte ás súas necesidades de tal modo que as consultas poden realizarse tendo en conta distintos parámetros como son a situación do usuario, o tipo de recurso que se quere localizar, así como a área de aplicación do mesmo.
Unha vez localizada a axuda en concreto, o usuario poderá acceder a unha ficha que contén a descrición e requisitos esenciais da mesma, ademais dunha ligazón á fonte orixinaria e aos datos de a onde dirixirse se quere facela efectiva.
GuiaDis proporciona, asemade, a oportunidade de consultar os centros de atención que en cada ámbito proporcionan ou facilitan algún tipo de servizo relacionado coa discapacidade e pon a disposición do usuario servizos engadidos que poden ser de interese como información xeral relacionada coa discapacidade, entre outras cousas.
Por último, o apartado denominado Listados Xerais, contén estatísticas que lle permitirán ao usuario obter unha orientación xeral en función do ámbito territorial, tipo e área de aplicación das axudas recollidas na base de datos.

