Telefónica vén de tirar partido da segunda edición da Campus Party Brasil para presentar o modelo do novo sistema de televisión de alta definición que estará operativo o vindeiro mes de febreiro en São Paulo. O encontro de internautas, que reuniu nesta mesma cidade a 6.325 mozos e mozas (cifra que sería sensiblemente meirande no caso de contabilizar non só aos inscritos oficiais), contou coa operadora española en labores de patrocinio e, tamén, de reclamo de talentos: a idea das empresas que apoiaron a party foi sacar proveito de tanto coñecemento e habilidade tecnolóxica reunida.
Para a firma Telefónica, a oportunidade tiña un aquel de importancia especial, tendo en conta os seus intereses postos no mercado de Latinoamérica. Nesta liña de reforzamento da súa presenza situouse a posta en longo do sistema de televisión de alta definición.
O servizo, que será xestionado de xeito conxunto pola firma brasileira de cable TVA, apoiarase sobre unha plataforma de IPTV (Internet Protocolo Television) e contará cunha rede de fibra óptica que nos seus primeiros pasos chegará a 70.000 domicilios. A idea da firma española é enriquecer a oferta cun acceso á Internet de banda larga de 30 megabytes por segundo. Con todo, o servizo será en breve obxecto de melloras: está previsto chegar a máis de 370.000 fogares nun total de oito grandes cidades brasileiras.
Telefónica presenta un sistema de TV de alta definición na Campus Party
Compartir Este Artigo

