En ocasións, para atopar máis liberdade de acción política e social cómpre achegármonos aos países onde precisamente os tecidos políticos, empresariais e sociais son máis reducidos. Ou cara a onde simplemente hai máis interese por facer cousas distintas, disposición dada por vivir o país en cuestión nunha situación diferente á de calquera outro. É o caso da Illa de Man, territorio autónomo británico alleo á Unión Europea e que, segundo informa estes días Vieiros, está a dar pasos importantes á procura dun entendemento entre dúas partes que ata o de agora semellaban máis irreconciliables que os gobernos de Cuba e Estados Unidos: por unha banda os usuarios das canles abertas de intercambio de ficheiros na Rede e pola outra a industria de lecer dixital tradicional e as sociedades de xestión de dereitos de autor que velan polos seus intereses.
Pois ben, o camiño que vén de tomar a Illa parece tomar partido polas dúas faccións ao establecer o seguinte escenario de consumo en liña: por unha libra esterlina ao mes, a veciñanza de Man que navegue por Internet poderá descargar de xeito libre todo o que desexe.
A dita medida, sinálase, busca compensar aos propietarios dos dereitos de autor polas perdas xeradas polo libre trasfego de arquivos na Internet e, asemade, sen poñerlles atrancos aos movementos dos usuarios. Segundo indica The New York Times, os cartos que se recaden dirixiranse logo cara a unha axencia específica que os fará chegar logo aos/as propietarios/as dos devanditos dereitos.
Na imaxe, a vila de Castletown, ao sur da illa (vía SilverMoonRiver).
Os habitantes da Illa de Man poderán compartir ficheiros na Rede a cambio dunha libra ao mes
Compartir Este Artigo

