Semella que de cara ás vindeiras eleccións galegas do 1 de marzo, as novas tecnoloxías non só servirán de base á precampaña (con webs de políticos e de internautas achegando debate e, tamén, variedade de soportes para ese fluxo de preguntas e respostas) senón ao proceso mesmo de escrutinio.Así o fai saber hoxe mesmo a Consellería de Presidencia, que co obxectivo de acadar as mellores condicións de comunicación entre os colexios electorais e os centros de recepción ten programado distribuír ate 1.800 PDAs entre os concellos de máis de 24.000 habitantes e os municipios do Plan de Reequilibrio Territorial 2007-2010.
A idea básica da iniciativa, como dixemos, é asegurar un máximo nivel de fiabilidade na transmisión dos datos electorais: automatizando deste xeito o envío da información redúcese a marxe de risco de erro e asegúrase –no caso de darse- unha rápida solución do problema.
Os dispositivos en cuestión, que teñen a capacidade de detectar un hipotético erro de cadre de datos e de obrigar á súa corrección antes de ser transmitido, terán a súa columna vertebral na web oficial dos comicios galegos, www.eleccions09.xunta.es, onde se achegará formación a distancia a partir do 5 de febreiro a todos os transmisores de PDA co obxectivo de optimizar a súa preparación con exercicios de simulación.
A Xunta distribuirá 1.800 PDAs para asegurar a máxima fiabilidade dos datos nas eleccións
Compartir Este Artigo

