A campaña posta en marcha na Rede por Gadis para suprimir dunha vez por todas a acepción desprezativa sobre os galegos e as galegas que a Real Academia Española inclúe no seu dicionario vén de superar a liña dos 61.700 votos. A iniciativa en liña, que mentres se escribía este artigo xa andaba a rentes dos 61.800 apoios recadados, forma parte dunha campaña empresarial do grupo galego encamiñada a favorecer que as cousas se poñan no seu sitio xusto en referencia ao noso papel no mundo: que esteamos nel orgullosos/as do que somos e que os demais tamén o estean.
A proposta, que ten un gran compoñente de autopromoción (Gadis, a fin de contas, é unha empresa), leva xa activa dende 2007 e renovándose cada pouco tempo baixo un mesmo nome: Vivamos como galegos. A web desta iniciativa é precisamente o sitio onde poderemos exercer o noso voto a prol desta causa ben concreta: que se elimine a acepción de “tonto” á hora de definir o concepto de “galego/a” nos dicionarios da Real Academia Galega.
A maneira de participar é ben doada: premendo dentro do recadro no que expresamente se anima a cambiar a face visible do dito dicionario. Co gran obxectivo de informar aos internautas que non saiban en que consiste a campaña do novo agravio (un máis que ir sumando) que representa o mantemento da devandita entrada nos volumes da RAE, a páxina web incorpora todo tipo de material audiovisual das súas campañas inmediatas, incluído un vídeo no que unha descendente de emigrantes galegos dá o seu punto de vista sobre o que realmente fomos quen de achegarlle ao mundo: nada de menor calidade ou catadura có que outros moitos pobos emigrantes foron quen de ofrecerlle.
A campaña de Gadis para suprimir as definicións negativas de galego na RAE achégase aos 61.800 votos
Compartir Este Artigo

