A mediados da pasada semana, a feira de turismo estatal FITUR abría as súas portas para dar a coñecer, dende Madrid, o máis salientable en materia de viaxes, gastronomía e lecer alén dos nosos fogares. Neste encontro non faltou a nosa propia representación e Galicia, tal e como apuntamos estes días, estivo presente física e virtualmente, dando a coñecer (entre outras cousas) as nosas paisaxes, o noso cocido, os nosos aloxamentos e, como non, a nosa cultura, que tan fascinante resulta para tódolos visitantes que se interesan por coñecela.
Ademais da páxina web que o equipo de Turgalicia presentou neste evento: www.galiciafitur2009.com (da que falamos ao detalle en Código Cero), non debemos deixar de citar a web www.turismodeourense.com, un sitio que recolle información sobre as posibilidades turísticas da cidade das Burgas que tamén foi presentado na capital.
Así o apuntaba o xornal dixital A Nosa Terra a pasada semana, onde engadía que o tenente alcalde de Ourense, Alexandre Sánchez Vidal, fora o encargado de facer a presentación da nova ferramenta virtual que promove o seu turismo.
A web fai un percorrido virtual polo casco antigo de Ourense empregando a tecnoloxía en tres dimensións a través da aplicación Google Earth e do xestor de contidos Typo3.
En palabras de Sánchez Vidal, “a tecnoloxía empregada nesta web supón unha novidade, con modelos de calidade fotorealística, para fomentar o sector do turismo en Ourense”.
Deste xeito, os internautas que visiten virtualmente a cidade do Miño, poderán coñecer a fondo os lugares máis destacables, guiados interactivamente mediante rutas fotográficas tridimensionais.
A Nosa Terra afirma que Ourense 3D “é unha iniciativa pioneira en Galicia, tanto pola extensión navegable dos seus modelos en tres dimensións, como pola tecnoloxía de navegación empregada e pola calidade realista”.
Sánchez Vidal, que estivo acompañado do vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, no momento da presentación, chegou a comparar a aplicación coa empregada nas web homólogas das cidades de Nova York e Los Ángeles, ou nas dos concellos alemáns das cidades de Dresden e Múnic.
Ourense estrea a súa propia web de turismo cun percorrido en 3D pola cidade
Compartir Este Artigo

