A Rede de Dinamización da Sociedade da Información comezou o mes de febreiro cunha nova achega física ao seu tecido, arestora presente xa en 61 dos nosos concellos. Máis polo miúdo, a nova incorporación non é outra que a do centro da cidade de Lugo situado no número 7 da praza da Milagrosa e equipada con dezaoito computadores con lectores de eDNI e cámaras web, dúas impresoras, un proxector, unha pantalla de proxección, unha cámara de fotos dixital e un escáner. As instalacións, inauguradas oficialmente este luns polo Conselleiro de Innovación, Fernando Blanco, recibiron para comezar a súa andaina un investimento de 227.144 euros. A posta en longo do centro, que inclúe equipamento tecnolóxico apoiado integramente en software libre (seguindo a liña do dito departamento da Xunta a prol da promoción da programación aberta), tamén contou coa presenza do delegado da Consellería en Lugo, Ramón Cortés, e o xerente da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, Xosé Lois Vilasante.
Amais de afondar nas achegas técnicas e humanas da aula, na xuntanza fíxose fincapé na actividade futura (acollerá obradoiros de temática diversa para achegar a poboación ás novas canles) e pasada (ata o día da apertura oficial, a Rede de Dinamización operaba en Lugo a través do seu traballo conxunto con ASORLU, a Asociación de Persoas Xordas de Lugo, traballo do que xurdiron interesantes propostas como por exemplo o e-Signo Visual, dicionario en liña de termos tecnolóxicos en Lingua de Signos).
Por certo que logo da inauguración oficial procedeuse á entrega dos premios do II Concurso de Iniciativas. Na categoría de Poboación xeral resultou gañador Tradición dos ferreiros de Riotorto, levada a cabo pola Rede en colaboración co concello de Riotorto, e da que se encargaron Vanesa Pérez Álvarez, Alejandro Rancaño Herrán e Mª del Camino Rando García. Consistiu na realización dun documental sobre a tradición histórica dos ferreiros en Riotorto, despois de participar en varios obradoiros, e a súa publicación nun blog. Pola súa banda, na categoría de Persoas con discapacidade, o premio foi parar a Conciencia-T: Coñecendo e rachando as barreiras, levada a cabo pola Rede en colaboración con ASORLU (Asociación de Persoas Xordas de Lugo) e coordinada por María Francisca García Correa e Emilio González Carballo, dinamizadores da Rede. Consistiu na creación dun espazo web sobre as barreiras de comunicación que existen na sociedade, amosadas mediante unha montaxe visual.
Lugo acolle a apertura dun novo centro da Rede de Dinamización
Compartir Este Artigo

