Hai estudos e estudos, e no que se refire a prognósticos pódense facer moitas e variadas clasificacións. Nunha que estivese feita en base a quen se molla e quen non, a investigación da que imos falar agora estaría nos postos máis baixos. Con todo, estaría nos máis altos se tiveramos en conta outro factor: o nivel de importancia actual para os internautas. Enleadas a parte e deixando de lado o obvio das súas conclusións, a investigación máis recente de Enter (Centro do IE Business School) sobre a Sociedade do Coñecemento establece unha serie de ligazóns a ter en conta entre a crise económica (e social) que vive o sistema imperante e o máis que seguro incremento dos ataques de todo tipo na Internet. Dito doutro xeito: para os responsables do estudo A (in)seguridade dixital (feito público hoxe mesmo e accesible na web de Enter a partir das 15.00 horas), a focha produtiva actual, unida á profusión de redes sociais, influirá de xeito decisivo no medre dos ataques en liña en calquera das súas manifestacións: phishing, correo lixo, intromisións en páxinas ou accesos non permitidos a datos confidenciais.
Por certo que estas foron precisamente as modalidades máis frecuentes de delincuencia contra a seguridade en liña ao longo do ano pasado, período no que tamén se centra polo miúdo o devandito estudo, parándose en acontecementos concretos como a fenda de seguridade do Internet Explorer o pasado mes de decembro ou o crecemento espectacular da economía somerxida ligada ás redes do coñecemento. Respecto a este tipo de actividade empresarial ligada ao roubo en liña, dicir que a nivel global o ano pasado serviu para o afianzamento dun mercado de servizos fraudulentos e bens roubados que chegaron a un valor de 276 millóns de dólares só en Estados Unidos entre xullo de 2007 e xuño de 2008.
Os estudos agoiran un incremento da inseguridade en liña debido á crise económica
Compartir Este Artigo

