O Hotel Monumento San Francisco de Santiago acolleu hoxe a posta en longo dunha nova experiencia de colaboración entre o noso comercio e as redes dixitais da información: a páxina web mercadogalego.eu. O sitio en liña, presentado oficialmente pola directora xeral de Comercio, Ana María Rúa Souto, constitúe en boa medida e grazas á súa feitura de gran tenda accesible dende calquera recuncho un intento por mitigar unha das principais eivas do sector na nosa terra: a dispersión. Máis polo miúdo e segundo fixo saber Ana Rúa, o gran obxectivo deste desenvolvemento é facilitar ao eido retallista galego un portal conxunto a través do que presentar e distribuír os seus produtos, apostando deste xeito polo afianzamento das novas canles dixitais e pola modernización do sector. Como dixemos, a web, deseñada e posta en marcha pola empresa Abertal (con sede en Carballo), vén proposta como un achegamento espacial para os internautas do que en realidade está diseminado. En palabras de Manuel Pan (Abertal), estaríamos perante un marketplace en toda regra e visitable dende calquera recanto. A experiencia, engade, malia estar aínda inserida no que poderíamos chamar unha gran campaña de promoción e asesoramento sobre que vender e cómo vender (a parada en Compostela é unha pequena parte dun longo itinerario pola nosa xeografía), recibiu xa un importante apoio por parte de todo tipo de comercios: tanto polos que levan xa anos vendendo na Internet como por aqueles que aínda están a dar os seus primeiro pasos.

Como dixemos, a cita de hoxe en Compostela constitúe o elo dunha cadea ben longa: a do itinerario de presentación da web por toda a nosa xeografía. En mercadogalego.eu podemos informarnos xa sobre as restantes paradas e os días programados para as mesmas.
Tamén falaron do tema no informativo local de Correo TV
Santiago acolleu a presentación da tenda que une todas as tendas: mercadogalego.eu
Compartir Este Artigo

