O control das emerxencias vén de recibir na nosa terra un novo pulo á procura dunha maior efectividade. O impulso en cuestión, que chega con feitura de posto de mando avanzado e da man da Obra Social La Caixa e da propia Xunta de Galicia, apoia unha boa parte do seu peso en dous piares fundamentais: tecnoloxía dixital ao servizo da resposta en incidentes e cooperación. O resultado desta concorrencia de factores é como dixemos un posto de control avanzado que, segundo contan os responsables da súa posta en marcha, achegará o equipamento tecnolóxico preciso para a optimización do labor desenvolvido pola Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA).
A infraestrutura-vehículo que foi presentada hoxe mesmo no edificio administrativo da Xunta, abrangue nun único espazo de mando todos os medios de comunicación necesarios “para tomar decisións e coordinar o referente aos efectivos”, informou o conselleiro de Presidencia, Xosé Luís Méndez Romeu, para quen é importante subliñar o potencial deste centro de control á hora de evitar situacións de colapso nas comunicacións (semellante á ocorrida hai tres anos coa vaga de lumes que azoutou Galiza).

· Emisoras de radio.
· Liñas para telefonía GSM e satélite.
· Conexións a Internet (ADSL por satélite ou UMTS).
· Sistema informático con 5 ordenadores portátiles e tres equipos de impresión.
· Sistema audiovisual con sinais de televisión terrestre e satélite.
· Cámara de vixilancia e proxección sobre pantallas de plasma.
· Sistema de medición meteorolóxica e equipos xeradores de corrente propios.
La Caixa e máis a Xunta presentan un novo vehículo dixital ao servizo das emerxencias
Compartir Este Artigo

