Red.es, a entidade público-empresarial de difusión do uso das TIC, vaise achegar os vindeiros días á nosa terra, concretamente á cidade Coruña, onde está prevista a celebración de obradoiros formativos acerca dun programa que resulta de especial interese para Galiza, onde aínda fica unha boa cantidade de microempresas e pequenas empresas que non están a xestionar os seus recursos a través das ferramentas dixitais. Falamos do programa Ningunha Empresa sen Web, unha iniciativa de Red.es inserida no Plan Avanza do Goberno central e que chega agora a unha nova convocatoria. A idea dos responsables do NEW na súa visita á Coruña é informar polo miúdo do que se ofrece no programa (servizos de aloxamento na Web e de asesoramento máis económicos) e, tamén, favorecer na medida do posible a presenza das empresas galegas na Internet a través desta solución concreta: unha solución que por 60 euros ao ano pode cubrir unha boa parte das súas necesidades no dixital.
A cita será o 12 de febreiro no Centro de Negocios Finisterre, situado na Avenida Finisterre 327.
A actividade de sensibilización intégrase na liña de Economía Dixital do Plan Avanza e, máis en detalle, incluirá catro sesións de traballo presenciais de formación tecnolóxica para facer máis doado o afianzamento das redes entre os empresarios da Coruña. Os obradoiros, que son de balde, terán unha hora de duración e está prevista a súa celebración ás 10.30, 13.00, 16.00 e as 18.00 horas. Co fin de participar, teremos que inscribirnos na web do programa ou a través do teléfono 900 223 322, canles onde, por certo, tamén se pode contratar o paquete de servizos incluído no programa NEW.
Red.es chega a semana que vén á Coruña para dar a coñecer a nova convocatoria do Programa NEW
Compartir Este Artigo

