De todo hai nunhas eleccións autonómicas coma as que estamos a vivir, de todo agás unha cantidade abonda de humor que fata aturable toda a información que nos botan os distintos partidos e, sobre todo, espírito de autocrítica. Para quen queira un pouquiño do primeiro, os Galicreques están a ofrecer unhas boas racións de parodia construtiva na Rede, sobre todo a través do seu espazo en YouTube, onde presentaron hai uns días un vídeo titulado O Puzzle onde os tres principais candidatos á presidencia galega (Quintana, Touriño e máis Feijoo) aprenden a situar a Galiza no mapa a través dos coñecementos que adquiren na Galescola onde están matriculados. A canle dos Galicreques, segundo os seus creadores os debuxos animados máis politicamente incorrectos da Rede, basea a súa actividade preelectoral no seguinte piar: a política non só é necesaria, senón que tamén pode ser divertida.
A maiores do devandito vídeo, no espazo de YouTube xa está dispoñible a aventura En Propia Meta, unha reflexión sobre os comicios aplicada ao deporte.
Máis polo miúdo, trátase da continuación da peza O puzzle (na que os tres devanditos políticos procuraban o noso perfil xeográfico no mapa) na que se representa o ideario dos tres partidos con representación no Parlamento como outros tres diferentes xeitos de desenvolverse sobre un campo de fútbol: no banquiño facendo promesas para os últimos cinco minutos de partido, levando unhas cores e traballando para outras ou pasándolle o balón a quen non se debe.
Os Galicreques levan as eleccións galegas a un campo de fútbol
Compartir Este Artigo

