As institucións públicas seguen a botarse á Rede coma se dun labor de supresión de muros e paredes se tratase. Con maior ou menor fortuna (non todo é ouro á hora de apostar pola Administración Electrónica dende estas instancias), unha boa parte do que se fai hoxe en día dende estas entidades ten como obxectivo crear oficinas abertas as 24 horas que nos saian ao paso. Entre as que máis potencial teñen para abrirse dixitalmente (sobre todo porque a sociedade demanda cada vez máis participación nos procesos de uso do solo) sitúase sen dúbida a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística, entidade que vén de abrir web co obxectivo (precisamente) de afianzar a entrada en xogo da cidadanía en dúas instancias: unha xenérica, a Rede, e outra máis específica, o emprego racional do solo. A páxina, accesible a través do sitio en liña da Consellería de Política Territorial, inclúe seccións xerais sobre a natureza e cometido da Axencia ou sobre as lexislacións vixentes, e outras de vontade máis práctica (e crítica) nas que se convida aos internautas a denunciar as presuntas infraccións urbanísticas das que teñan coñecemento.
Este labor, que se virá facilitado a través de impresos de libre descarga a través da web, estará suxeito ao longo do tempo a melloras e actualizacións: a idea é incorporar cada pouco máis impresos e servizos que fagan máis doada a relación entre a sociedade galega e a súa Administración. Entre outras funcións, sinalar que a web tamén permite obter a documentación precisa para a solicitude de obras, instalacións ou usos nas áreas de servidume.
A Axencia é un ente consorciado do que forman parte a Xunta de Galicia e os concellos que se adhiran libremente a ela. Ten como cometido velar pola utilización racional do solo, a ordenación do territorio especialmente na zona rural e a inspección de áreas sensibles como a zona de servidume de protección de dominio público marítimo-terrestre.
A APLU busca a colaboración dos internautas para localizar infraccións no uso do solo
Compartir Este Artigo

