Definitivo: en maior ou menor medida, a crise estalle afectando a todos os sectores da economía, ata a aqueles nos que se tiñan postas máis esperanzas e, no plano teórico, un maior número de elementos alleos aos principais causantes do parón (ladrillo, petróleo, banca, etc). Falamos dos sectores da Sociedade da Coñecemento, onde se identifican xa as reestruturacións coas medidas principais para salvar o barco, sendo case sempre os primeiros e grandes prexudicados os traballadores de a pé. Precisamente de organizalo todo de novo e repropoñerse o rumbo é do que se fala estes días na casa Yahoo!, onde a nova responsable primeira da multinacional (Carol Bartz), chegada ao seu cargo hai só unhas semanas, semella que non quere perder máis tempo no que se refire a ordenalo todo para que todo siga coma antes. A gran diferenza con respecto a outros procesos de semellante catadura é que en Yahoo! parece que nin sequera os de arriba están ceibos de librarse da queima: non se descartan cambios nos cargos xerárquicos da compañía, e, segundo veñen de sinalar The Wall Street Journal e El Mundo, Bartz está a procurar novos nomes para o estrato directivo e máis o de márketing.
Neste senso, o que se procura é optimizar na medida do posible os eidos da empresa responsables da toma de decisións, plans que se prevé sexan presentados en breve e que buscarían evitar cifras como as conseguidas no último trimestre do ano 2008: perdas de 303 millóns de dólares (en comparación coas ganancias de 206 que se acadaron no período anterior) e unha caída nas vendas do 1% cara aos 1.800 millóns dólares a raíz da febleza do mercado publicitario. Máis polo miúdo, unha das primeiras grandes decisións de Bartz tivo que ver co que moitos de nós desexaríamos ver aplicados nas grandes instancias públicas españolas: a conxelación de todos os salarios dos seus empregados a nivel mundial.
A nova responsable da Yahoo! anuncia grandes cambios na organización da compañía
Compartir Este Artigo

