Crear unha fonte común de intercambio de coñecemento, ideas e recursos arredor dunha tarefa que dificilmente se pode levar a cabo de xeito individual: a promoción do uso da nosa lingua a todos os niveis. Este, e aproveitar as redes polo que teñen de empurre ás colectividades, son os grandes obxectivos dunha iniciativa concreta do ENDL (Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística) do centro de ensinanza Aurelio M. Rei García de Cuntis posta en marcha estes días con feitura de wiki (obradoiro en liña onde cada usuario achega a parte dun todo). O proxecto, que aparece detallado polo miúdo no blog Na lingua de todos, tamén constitúe unha suma de partes: é un planeta de bitácoras persoais e páxinas web encamiñadas á galeguización e xurdidas ao abeiro dos centros de ensino do noso país.
O sitio en liña, que arestora conta con 65 páxinas subscritas, está pola súa natureza (dinámica e colectiva) suxeito a unha renovación constante: a que imprime a conexión directa con múltiples focos de información. Neste intre, amais dos espazos virtuais dos centros de ensinanza, están a colaborar no proxecto medios de comunicación como Vieiros ou Chuza!, amais de colectivos como a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua ou a Área de Normalización do galego da Universidade de Vigo.
Máis polo miúdo, e segundo informan os seus responsables, a gran finalidade deste planeta virtual é lograr que teñan a meirande visibilidade posible os labores dos equipos a nivel social e apostar pola comunicación por medio da Rede. Deste xeito, engaden, estaranse a sentar bases máis firmes para “(e)levar a tensión lingüística, en termos construtivos, á sociedade”.
O CPI de Cuntis pon en marcha un planeta web de equipos de promoción do galego
Compartir Este Artigo

