Na web pódense ver vídeos dos cans en adopciónA gran diferenza entre as persoas e os animais é que os segundos, de terte ao seu carón, nunca che deixarían abandonado. Porén, non son eles precisamente os que teñen a capacidade de decidir: facémolo nós por eles, e nada hai que lles asegure que esa decisión vai ser a correcta. Por poñer un exemplo, a cifra de cans deixados na estacada a o longo do ano pasado chegou aos 100.000, contabilizándose só en Madrid arredor de 17.000. Os números falan por si sós: se unha persoa que convive cun animal durante anos e logo é quen de desentenderse del, por moitas fitas afectivas que se teñan establecido, podémonos facer unha vez máis a mesma pregunta de sempre: cal é máis humano dos dous? O obxectivo da páxina web www.civiccan.com non é responder a esta pregunta, que por outra banda xa ten resposta, senón denunciar estes feitos e darlle unha segunda oportunidade aos canciños que fosen vítimas de abandono. A web, posta en marcha en colaboración coa Fundación de Axuda aos Animais (FAA), vehicúlase coma un xeito de achegar aos internautas a esta realidade, poñendo en xogo solucións prácticas: permítelles aos usuarios coñecer de primeira man aos cans que procuran fogar a través de Internet. A proposta, unha rede social unidireccional, está en comunicación directa con tres centros de acollida que albergan, arestora, un total de 300 cans. A idea é presentar cada semana arredor de 30 animais perante a comunidade internauta, dar a coñecer as súas historias a través das testemuñas directas (coidadores e profesionais case todos eles voluntarios). Con estas actividades, os responsables da empresa Civiccan (especializada en accesorios e produtos para mascotas) queren contribuír á sensibilización da sociedade sobre este problema e, máis polo miúdo, incrementar na medida do posible as porcentaxes actuais en materia de adopción. Concretamente, o que se procura é facer uso directo da plataforma en liña impulsar nun 20% o nivel de acollida nas familias. A importancia destes obxectivos é dupla, sobre todo se temos en conta que a meirande cantidade dos animais que albergan estes centros foron abandonados en repetidas ocasións e mesmo foron obxectos de malos tratos.