A piratería non se complica a vida. Se queres facer negocio reproducindo algo e logo vendéndoo sen permiso, sempre é mellor facelo con produtos de uso común, demandados de abondo e, sobre todo, que non ofrezan grandes dificultades á hora de realizar o calco. Asemade, hai outro factor que cómpre ter en conta: a complicidade do comprador. A fin de contas, ninguén acepta que lle queiran vender unha obra artística ou un coche falsificados. Pero, coidado, polas razóns que sexan en cuestión de material electrónico a cousa cambia. E tamén, aínda que non de xeito tan común, no eido téxtil. Segundo vén de informar o Ministerio de Industria a través da primeira fase do estudo Impacto Económico da Falsificación e a Piratería, estes dous son precisamente os sectores que máis se resenten arestora da práctica do calco e a venda non autorizada.
O traballo, desenvolvido pola Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), céntrase nesta etapa previa nunha avaliación das infraccións de dereitos de propiedade industrial en produtos tanxibles, estando programada xa unha segunda fase de traballo destinada a poñer de relevo a imitación desleal na Rede. A terceira, segundo informa o Ministerio, xirará arredor de outras formas adoptadas pola práctica do calco das que non se teñen aínda amplos informes.
Amais do devandito dato de sectores principalmente afectados (o téxtil e o dos equipos electrónicos por enriba de todos os demais), o informe achega outras informacións de interese. Por exemplo: que a metade das economías enquisadas aseguran que o fenómeno xa chegou a outros sectores ao longo dos últimos cinco anos (o ritmo de aplicación á totalidade do mercado do principio de “todo é imitable” semella especialmente rápido). Asemade, a investigación lanza unha serie de números a ter en conta:
· O valor de mercancías intervidas en 30 economías chegou aos 581 millóns de dólares en 2005 (o 0,01 por cento do total de importacións de todas as economías afectadas).
· As cinco principais categorías de produtos sensibles máis vendidos (entre as que se conta o de material electrónico) constitúen o 76% das intervencións de produtos infractores e chega arestora aos 1,63 billóns de dólares, o que significa o 18% do comercio mundial.
Polo que respecta ás conclusións sobre os efectos que está a xerar a teima da falsificación a nivel mundial, no estudo especifícase que o volume de actividade infractora chegará 200.000 millóns de dólares se temos en conta que o devandito resultado non reflicte a totalidade das operacións aduaneiras mundiais nin os datos dos mercados domésticos.
O sector da electrónica, de novo á cabeza entre os afectados pola piratería
Compartir Este Artigo

