En cuestión de compras pola Rede, os españois seguen a moita distancia da media europea. Estes datos, reflectidos pola Comisión Europea a través dun informe sobre comercio electrónico publicado hoxe mesmo, poñen de relevo dúas grandes cuestións: a cuestión da actividade comercial na Internet segue en íntima relación coa fortaleza da economía dun país e, ademais, unha boa parte dos esforzos que se fagan dende as institucións públicas e organizacións por promover o emprego da Rede está destinado a acabar en nada se non hai unha oferta de acceso ao dixital realmente accesible para toda a cidadanía. Se cadra, na cuestión española ten máis que ver o segundo factor (o seu ADSL é dos máis caros de Europa), pero tampouco se pode descartar o factor crise. O caso é que, por cifras, seguimos na zona tépeda da táboa, onde non fai nin frío nin calor: só o 20% dos españois mercaron produtos ou servizos a través da Rede para uso privado durante o último ano, porcentaxe inferior, como dixemos, á media da UE que se sitúa no 32%.
A cifra, malia que Bruxelas trate de matizala dicindo que a española e a italiana (caso semellante) son economías en crecemento, non deixa de ser preocupante. Sobre todo se temos en conta que o pastel seguen a cortalo os tres de sempre: entre Reino Unido, Alemaña e Francia vaise o 70% do total do volume de negocios do mercado en liña. Mercado, que, por outra banda, estímase en 106.000 millóns de euros en 2006.
Por países, seguen en cabeza en uso da Internet para a compra de mercadorías Inglaterra (cunha taxa do 57%, moi afastada do 20% español), Dinamarca, Países Baixos, Alemaña, Suecia e Finlandia, todos eles por enriba da liña psicolóxica do 50%. Con todo e como dixemos antes, España atópase na zona media-baixa da táboa. Por detrás están Bulgaria, Romanía, Letonia, Grecia, Chipre e Portugal, todos con taxas inferiores ao 10%.
Polo que respecta aos artigos máis mercados pola vía do comercio electrónico, dicir que as estrelas foron de novo as viaxes e os paquetes vacacionais, cun 42% do total, seguidos da roupa e o equipamento deportivo (41%), as revistas e os libros (39%).
Co obxectivo de inverter a tendencia ao non crecemento dos niveis de uso da Rede como mercado ou canle comercial fiable, a Comisión Europea vén de anunciar (de xeito paralelo ao devandito informe) que en setembro deste ano presentará os datos dun proxecto-proba sobre compras anónimas feitas de maneira independente e co obxectivo de localizar os atrancos que se están a poñer entre os consumidores e a Internet como mercado. Por certo que os datos deste informe serán dados a coñecer en outono deste mesmo ano.
España segue a moita distancia da media europea en compras pola Rede
Compartir Este Artigo

