Lonxe van quedando os tempos do trasfego de documentos nos campus para formalizar unha matrícula, as longas ringleiras, os traslados dunha oficina a outra. Se facemos caso do que nos contan as universidades, este tipo de trámites faranse única e exclusivamente pola Rede e mesmo antes do previsto (a día de hoxe, pouco falta nalgunhas institucións para que así sexa, dándose xa noutras por completo). Do mesmo xeito, é unha tendencia xeneralizada a obtención de datos educativos a través das redes sen fíos das facultades ou mesmo a aposta polas mensaxes de texto nos móbiles como método para estar ao día de novidades e cualificacións. A tecnoloxía aplicada ó educativo non se esgota aí: chega ao corpo e fondo das clases mesmas e estende os seus fíos cara á sociedade. Neste senso as universidades teñen moito de departamento de normalización dixital. De dar conta de ata onde están a mudar os campus dende a entrada en xogo das novas tecnoloxías é do que tratou o acto convocado hoxe pola Universidade de Santiago (USC) no Colexio de Fonseca; diso é de dar a coñecer os casos propios de éxito en materia de dixitalización reflectidos na quinta enquisa sobre o uso que os estudantes da USC fan destas canles.
Os datos, que foron presentados segundo a natureza da tecnoloxía despregada, achegan entre outras cousas un panorama moi próximo á matriculación en liña integral: arestora, oito de cada dez alumnos da institución educativa compostelá inscribíronse pola Rede. Así, tal como amosou o reitor Senén Barro durante a presentación do informe, a gráfica sobre o nivel de participación dos alumnos nesta modalidade en liña de matrícula (feito que se premia dende hai anos con diverso material tecnolóxico) é un ascenso continuo: a idea, subliñou, é permitir que todo o mundo leve a cabo estes trámites por Internet.
Amais disto, tamén se deron a coñecer as cifras relativas ao nivel de emprego dunha das ferramentas de comunicación máis presentes entre o alumnado e, emporiso, de meirande proxección para a vida do campus dixital: os móbiles. Segundo sinalou o reitor, en 2008 foron enviadas dende a Universidade 186.383 mensaxes de texto (SMS) dando conta de cualificacións, estando arestora en 24.000 a cifra de estudantes subscritos ao servizo, o que representa o 87% dos mesmos. Asemade, a USC achegou datos sobre a presenza de outro tipo de SMSs: sobre avisos de doazón de sangue fixéronse chegar 189.493 e sobre actividades cultural un total de 24.433.
No que atinxe ao nivel de uso dunha das principais ferramentas dixitais postas en xogo, a páxina web da Universidade, dicir que tamén se requiriu a opinión directa dos estudantes, dos que o 43% valorouna como unha proposta “cun bo deseño e accesible”. Amais, tamén se achegaron datos sobre a súa visibilidade: de entre as universidades do eido español, a web da de Compostela é a segunda con máis páxinas indexadas polo buscador Google, preto de tres millóns, acadando un nivel de oito no Google PageRank, por diante mesmo da de Deusto e por detrás só da Complutense de Madrid. En 2008, sinalou Senén Barro, visitáronnos 4.431.078 internautas distintos.
Polo que respecta ao interese polo software libre, dicir que no informe da USC ponse de manifesto a actividade xerada pola oficina de código aberto aberta na universidade cos obxectivos de dotar á comunidade universitaria de ferramentas e contidos libres. Esta actividade, amais de outras iniciativas de tipo máis puntual, están acadando un medre importante no nivel de participación do alumnado no uso e mesmo no deseño deste tipo de ferramentas, informou o reitor da USC. Con todo, dixo, aínda hai unha porcentaxe salientable de estudantes que non sabe en que consiste a programación aberta.
Arestora, unha boa parte da estratexia da Universidade no camiño de promoción deste tipo de informática materialízase no xestor de contidos OpenCms, implantado en 2008 e arestora en fase de espallamento. Este xestor, entre outras cousas, posibilita un proceso de descentralización da edición de páxinas, facendo máis doado o seu uso por parte dos editores e mellorando a calidade da información.
No que atinxe á opinión que teñen as/os estudantes respecto das medidas que se están a pór en xogo para dixitalizar os campus, o informe reflicte en xeral unha boa aceptación: oito de cada dez consultadas/os considera como boa ou normal a valoración xeral dos servizos TIC que reciben da Universidade de Santiago.
Entrega de premios
Ao longo do mesmo acto fíxose entrega de dous computadores portátiles e cinco móbiles de última xeración aos agraciados no sorte realizado entre as/os alumnas/os que responderon á enquisa. Nesta entrega, o reitor Senén Barro e Javier Franco (o director da Área TIC Javier Franco) estiveron acompañados de representantes das empresas colaboradoras no sorteo, Vodafone, Universia e a Fundación Caixa Galicia.
Oito de cada dez alumnos da USC optaron pola matrícula en liña
Compartir Este Artigo

