Se todo vai ben (se a sorte acompaña e os clicks dos internautas tamén), haberá presenza galega na nova versión do Monopoly España. Segundo conta estes días El Correo Gallego, o proceso de elección dos espazos urbanos que darán apoio á nova achega do xogo de mesa estase a dirimir no sitio onde, a fin de contas, máis repercusión pode atopar: a Rede. Arestora, hai catro cidades galegas, Lugo, A Coruña, Ourense e Vigo, competindo por obter as mellores porcentaxes de votos en liña dos internautas, estando presente Santiago nun proceso paralelo aberto con posterioridade.
A idea, como dixemos, é someter á opinión dos usuarios da Internet a elección das cidades que aparecerán no taboleiro do Monopoly España, concretamente nos 22 recadros que o integran. O proceso de votación na web do xogo, que estará aberto ata o día 27 deste mes, non só convoca a participación do usuario para votar, senón tamén para nomear cidades que non figuran na escolma presente co obxectivo de que se inclúan no apartado de comodíns. Con isto, se lle daría unha oportunidade a espazos urbanos que non apareceran na listaxe pechada oficial, constituída por 65 localidades de toda España. Por certo que é neste grupo onde se atopa Santiago de Compostela.
Polo que respecta ao papel que están a xogar as cidades galegas na listaxe oficial, dicir que a que máis repercusión está a acadar é Vigo, co 1,8 % dos votos a día hoxe.
Cinco cidades galegas optan na Rede a dar forma ao novo Monopoly
Compartir Este Artigo

