A fronte de denuncia na Internet galega segue a gañar en firmeza, tanto en cuestións máis ou menos xenéricas do político ou do socioeconómico, como no teoricamente máis puntual pero non por iso menos importante. Por exemplo: a defensa dos nosos montes tal e como os coñeceron os nosos antergos antes da chegada dun proceso de explotación que foi perdendo paseniño pero sen pausa o respecto por aquilo que explotaba. A proba disto está nunha boa parte dos nosos montes, de xeito paradoxal o espazo menos diverso do medio natural galego dende o punto de vista biolóxico. Denunciar esta situación e máis concretamente a aceptación a esgalla de cultivos de especies foráneas é o gran obxectivo da web eucaliptosnon.com, un medio informativo onde amais de poñer en entredito a suposta calidade boscosa das plantacións desta árbore chegada de Oceanía (que a xuízo dos creadores da páxina só producen desertos), os responsables da páxina achegan información sobre a longa listaxe de aldraxes ecolóxicas que aínda agora, coas consecuencias directas do proceso detalladas polo miúdo nunha boa parte dos medios, se seguen a dar dentro e fóra da nosa terra.
A maiores, a intención dos creadores desta páxina é sensibilizar á sociedade e ás administracións sobre as eivas a medio e longo prazo que achega o mantemento deste tipo de monocultivos.. “A recuperación do monte e das baguadas, das fragas, e das ladeiraras dos montes, a recuperación do monte de matorral, parécenos indispensable, e o primeiro paso para recuperar o Bosque Galego”, comentan.
Eucaliptosnon: proposta web a prol dunha volta ao respecto polo monte galego
Compartir Este Artigo

