Con isto da tecnoloxía e coas diferentes faces que vai adoptando a longo do tempo, pasa un pouco coma no deporte: por moito que se trate de facer prognósticos sobre seguro, vén un veterano ou alguén polo que non se nos ocorría apostar e desbarata todo o estudo previo sobre os resultados. Un exemplo perfecto disto é o que aconteceu nestes anos co dispositivo chamado a simbolizar en boa medida a era dixital: o CD. Pois ben, malia os moitos mimos prodigados pola grande industria discográfica e malia o lavado de cerebro levado a cabo por estas empresas nunha boa parte dos seareiros da música (que consistiu en promover o CD como a solución real a todos os problemas dos vinilos e dos casetes, demostrándose ao final que nin aquel era tan bo nin os vellos discos tan malos), o tiro saíu errado. E non porque non se acadara éxito, que se acadou, senón porque o efecto final foi coma o dunha exaculación precoz aplicada ao tecnolóxico: estivo ben, pero durou pouco. O vinilo, pola contra, mantivo o tipo ao seu ritmo, pero se mantivo.
Os culpables de todo isto, as empresas mesmas que apostaron de tal xeito polo CD: tanto foi o seu entusiasmo, que inflaron prezos que logo esqueceron baleirar. Resultado: podemos contar cos dedos da man (e aínda sobran) as persoas da nosa contorna que arestora seguen a pagar máis de 15 euros por un CD.
Toda esta enleada vén a conto polo 30 aniversario do CD, celebrado a semana pasada, concretamente o 9 de marzo, e se cadra un dos aniversarios que na historia do dixital máis fondo tivo de certificado de defunción: os seus días están contados.
Así nolo fai saber, por exemplo, Ángel Jiménez de Luis nun completo estudo do tema publicado en El Navegante, onde non dubida en darlle carta de especie tecnoloxía en extinción e por mor do medre dos seus máis directos competidores da cada vez máis saturada xungla do lecer en díxitos: os iPods, os chaveiros de memoria ou mesmo os DVDs. Sen présa pero sen pausa, estes formatos pasan a asumir eles mesmos as diferentes funcións que ata hai ben pouco eran exclusividade do CD:
· Quen queira carretar información opta antes por un chaveiro de memoria que por un CD: é máis doado de levar e ten moita máis capacidade de almacenamento.
· Quen queira ver fotografías, o mesmo.
· Quen queira escoitar música descubrirá que é moito máis cómodo facelo de viaxe coa axuda dun reprodutor de MP3, deixando a posta en valor dos vellos vinilos para aquelas ocasións que poderíamos denominar especiais (locen moito máis có CD).
Dende o punto de vista económico para as propias empresas que o comercializan como soporte de música, a cousa non pintan ben dende hai tempo, e sinais hai de sobra e para quen queira velos sen necesidade de ir ás cifras: cada vez hai máis tendas tradicionais que logo de deixar en dique seco ao vinilo durante anos, volven agora a este formato porque en determinados niveis véndese moito mellor có CD. Pero vaiamos ás cifras: en boa parte debido ao uso xeneralizado da Rede e das canles abertas para compartir ficheiros de xeito libre (P2P), o consumo de discos caeu un 14% ao longo do último ano, situándose as vendas na metade de unidades comercializadas no ano 2000. Na imaxe, unha ollada á colección de CDs dun usuario de Flickr: Jeff Wheeler.
O CD cumpre 30 anos entre unha marea de agoiros sobre o seu futuro
Compartir Este Artigo

