O director-xerente de Tecnópole, Ricardo Capilla, e o representante da EOI, Alfonso Martínez, cos asistentes ao curso da EOI que acudiron esta mañá á entrega de diplomas en TecnópoleA Tecnópole vén de pórlle o punto e final ao seu máis recente programa de formación en creación e consolidación de empresas, iniciativa que foi posta en marcha en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI). A achega formativa, que contou con financiamento do Fondo Social Europeo e do Ministerio de Industria, desenvolveuse ao longo de todo ano 2008, sendo superada finalmente por doce alumnos. Disto, de dar a coñecer aos estudantes que superaron o programa e facer balance do acadado polo mesmo tratou precisamente o acto de entrega de diplomas celebrado hoxe no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole). A cita, que contou coa presenza do director xerente do dito complexo empresarial ourensán (Ricardo Capilla) e máis do responsable do curso e dos proxectos (Alfonso Martínez), serviu tamén para avaliar polo miúdo os doce plans de negocio resultantes da iniciativa, un por cada alumno, dos que seis xa están arestora servindo como alicerce a empresas reais, incluídas varias do eido das novas tecnoloxías da información e a I+D. Segundo informaron os responsables do programa, este baseouse en boa medida nunha acción formativa apoiada no emprego a fondo das canles e recursos dixitais da comunicación, incluíndo a maiores (e sen saírmonos do uso da Rede) unha fase de tipo teórico práctico na que se conxugaron a discusión de técnicas e casos de éxito coa integración das empresas que se creen ao amparo do programa na Redepyme, recinto empresarial permanente de carácter virtual creado pola EOI. Dito doutro xeito: o curso, que consistiu en achegar recursos para a posta en marcha e xestión dunha empresa innovadora, tirou do virtual todo o preciso para achegar un escenario o máis semellante posible ao do desenvolvemento real dunha empresa. O elemento diferencial da iniciativa con respecto a outras de semellantes características, di a Tecnópole, é que o apoio non remata aquí, senón que se manterá un seguimento continuo para achegar alicerce tanto a posta en marcha como a consolidación das empresas xa constituídas.