Onte publicouse oficialmente o Fennec 1.0 Beta 1, que sería a versión pública de proba da versión móbil do navegador da Fundación Mozilla, que inclúe moitas melloras con respecto de versións anteriores (especialmente no tocante a rendemento) e funciona perfectamente en dispositivos coma o Nokia N810 (popular MID da compañía finlandesa que combina teclado físico e pantalla táctil, de aí que sexa moi axeitado para a proba deste navegador web).
Este navegador aínda non está listo para teléfonos móbiles, pero cómpre destacar que xa apunta maneiras, e entre outros detalles incorpora o soporte de engadidos, de xeito que é posible utilizalo para visualizar vídeos de múltiples páxinas web. Tamén mellorou a reprodución de javascript a través da activación de TraceMonkey, póndose á altura das versións de proba do Firefox 3.1.
Tras todas estas melloras, dende o equipo de desenvolvemento de Fennec aseguran que van comezar a centrarse na interface de usuario do navegador web e a súa usabilidade, para achegarse a un produto final que logo poida adaptarse a multitude de dispositivos (entre os que supomos que estarán a grande maioría dos teléfonos intelixentes que hai no mercado).
Demostración do funcionamento da versión de proba de Fennec nun Nokia N810
Nova versión pública de proba do navegador web móbil de Mozilla
Compartir Este Artigo
