A Sociedade da Información tamén deixa rastro, e non nos referimos ao clásico historial que deixamos logo das nosas sesións pola Rede: o ronsel virtual. Do que falamos é do que ben podería ser a face máis fea da era dos díxitos: móbiles, computadores, pantallas, consolas e demais obxectos obsoletos que, como se vén facendo dende hai anos con lavadoras, neveiras e colchóns, van dar en ocasións ao menos indicado dos lugares de acubillo. Contribuír a evitar isto e, a maiores, favorecer a cultura do segundo ou terceiro uso (reciclaxe tecnolóxico a esgalla) é o gran obxectivo dun feixe de entidades sen arela de lucro especializadas na xestión deste tipo de residuos e que, facendo fronte común, veñen de asinar coa Xunta de Galicia un convenio marco para traballar precisamente neste eido. Así o veñen de facer saber estes entes, denominados Sistemas Integrados de Xestión da RAEE (Refugallos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) e constituídos neste caso por Ambilamp, Ecoasimelec, Ecofimática, Ecolum, Ecotic, ERP e Tragamóbil.
En virtude desta sinatura co Goberno galego, informan, impulsarase nos concellos galegos a recolleita selectiva de refugallos tecnolóxicos e reducir o número de e-lixo que non se trata de xeito conveniente unha rematada a vida útil destes aparellos. “Con esta iniciativa da Xunta e dos diferentes sistemas integrados de xestión que participan nela”, informan, “procúrase que o refugallo procedente dos trebellos eléctricos e electrónicos recollidos en instalacións municipais sexa xestionado segundo marca o Real Decreto para reducir o impacto medioambiental dos mesmos”. O convenio, engaden, incorpora a posibilidade de que os diferentes sistemas integrados de xestión poidan habilitar colectores axeitados a cada produto nos puntos limpos distribuídos pola nosa xeografía.
Máis en detalle, o acordo atinxe directamente á recollida dunha boa cantidade de trebellos relacionados en maior ou menor medida coa Sociedade da Información nos fogares: grandes e pequenos electrodomésticos, equipos de informática e telecomunicacións, aparellos electrónicos de consumo, aparellos de alumeado, ferramentas, xoguetes e equipos deportivos eléctricos e electrónicos, trebellos médicos, instrumentos de vixilancia e control, máquinas expendedoras e calquera outro que poida pertencer a algunha destas características.
Sistemas Integrados de Xestión
Ou SIGs, son entidades sen arela de lucro participadas polos produtores de aparellos electrónicos e que teñen como obxectivo principal a creación dunha estrutura organizativa que responda ás necesidades de xestión dos RAEE. Arestora, existen diversos SIG que están especializados en cada unha das categorías de aparellos eléctricos e electrónicos que regula o Real Decreto 208/2005. Entre eles están todos os devanditos: Ambilamp, Ecoasimelec, Ecofimática, Ecolum, Ecotic, ERP e Tragamóbil.
Pulo á recollida dos refugallos electrónicos nos concellos galegos
Compartir Este Artigo

