O Consello da Cultura Galega vén de presentar, hoxe mesmo, o Mapa de equipamentos culturais de Galicia, unha aplicación web que permite buscar na Rede todo tipo de equipamentos, localización e servizos que se ofrecen na nosa Comunidade en torno á cultura.
Esta ferramenta vén sendo unha representación gráfica dunha operación censal de equipamentos e infraestruturas culturais no territorio galego, que vai dirixida principalmente a programadores culturais, promotores e artistas, pero que tamén resulta de gran utilidade para o público en xeral.
Os obxectivos deste Mapa, que foi desenvolvido coa colaboración de Obradoiro de Socioloxía e Sixtema, consisten en elaborar e manter un conxunto organizado de información sobre infraestruturas culturais en Galicia, así como proporcionar un marco de referencia para a realización de enquisas de mostraxe e elevación de datos. Tamén permite satisfacer a demanda externa de información sobre as infraestruturas culturais, subministrando datos básicos de identificación e clasificación, normalizados por territorio, actividade e características relevantes para a programación de actividades culturais.
As buscas, que se poden facer por “tipo de equipamento”, “localización” e “servizos que ofrecen os equipamentos”, permiten localizar, entre outras cousas, pazos de exposicións e congresos, aulas, salas de reunións, seminarios, salas de ensaio e obradoiros, arquivos, museos, centros de interpretación, galerías de arte…
Os resultados son visibles no mapa, onde tamén aparecen as características máis relevantes como o aforo, a superficie, a existencia de determinados servizos…
A aplicación permite, asemade, listar os equipamentos por provincia, comarca ou concello.
O CCG desenvolve unha ferramenta web cos equipamentos culturais de Galicia
Compartir Este Artigo

