O día a día nas redes sen fíos non é precisamente un mundo que se esgote na tecnoloxía mesma que implica, xa de por si complexa e variada. En certa maneira, e iso os usuarios sábeno ben, nada é exactamente igual unha vez que se cruza a liña do non cableado: nin o xeito de traballar (a ditadura do despacho perde peso) nin o de estudar nin sequera o xeito de levar a cabo algo tan sinxelo como pedir unha consumición nun bar (a tapa, cada vez máis, ten feitura de Wi-Fi). Falar de todo isto é o obxectivo do blog La Vida Wi-Fi, un novo caderno acabado de chegar á xa de por si saturada blogosfera pero que ofrece, en contraposición, un eixo temático (o do panorama redeiro sen fíos) que se cadra non estivo a obter todo o tratamento que merece. O espazo en liña, posto en marcha por Gowex (unha firma española especializada en servizos de telecomunicacións), céntrase sobre todo en achegar novas e análises sobre o mundo sen fíos, abríndolle xanelas á actualidade e poñendo de relevo tendencias nacionais e internacionais.
Asemade, e xa que estamos nun mundo web onde todo se confunde e se enriquece (o lector, o usuario, o autor), o blog en cuestión anima á comunidade internauta a expresar as súas opinións ou datos xerais sobre calquera cuestión que teña vínculos co eido Wi-Fi.
O tema non é para menos, tendo en conta a súa liña de progresión nos últimos anos (con empresas como Google estudando se se come o pastel ou non e lanza dunha vez por todas o que se supón que é un novo servizo de balde de acceso Wi-Fi a Internet). Para os creadores desta bitácora corporativa, non é certo que o mundo sen fíos sexa un mundo pechado a onde só uns poucos elixidos teñen acceso: quen mercara recentemente un teléfono móbil (tendo en conta as últimas tecnoloxías e servizos incorporados) está xa equipado para pasar a formar parte do club.
La Vida Wi-Fi: novo blog sobre o que se gaña e o que se perde nas redes sen fíos
Compartir Este Artigo

