Durante esta tarde anunciáronse os gañadores dos premios The BOBs 2008, tamén coñecidos coma os Oscars dos blogs, e que organiza Deutsche Welle, nunha edición na que non houbo sorpresas, resultando recoñecido coma o blog do ano Generación Y da blogueira cubana Yoani Sánchez, quen xa recibira o Premio Ortega y Gasset 2008 de Periodismo Dixital e o Premio do Xurado 2008 de Bitácoras.com.
O blog de Yoani Sánchez goza de moita sona internacional, e a xuízo do xurado destaca polo «seu estilo poético e claro, así como a grande forza simbólica que ten para a blogosfera internacional», pois non hai que esquecer que publicar na Internet dende Cuba sen apoio expreso do réxime é todo un reto.
O mellor blog en español tampouco foi unha sorpresa, pois o galardón recaeu en 233grados, caderno que tamén foi considerado coma o Mellor Blog Xornalístico de 2008 nos Premios Bitácoras.com.
No resto de categorías globais resultaron galardoados coma mellor videoblog Voices of Africa, que é de especial importancia por construír unha ponte entre o continente africano e o resto do mundo; o mellor podcast foi Radio Grinch; o Premio Blogwurst foi parar a Maratochka; e o premio Reporteiros Sen Fronteiras tivo que ser compartido polo blog iraní 4equality e o blog chinés de Zeng Jinyan (esposa de Hu Jia, defensor dos dereitos humanos preso en China).
A cubana Yoani Sánchez gaña os premios The BOBs 2008
Compartir Este Artigo

